A plataforma #PonteLovers e a Deputación acenden a chama da creatividade no noso comercio local a través do proxecto Nova Terra

420
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que iniciativa inclúe asesoramento aos comerciantes, concursos, escaparatismo, ambientación de rúa e diversos obradoiros
  • A campaña, que se inaugurará o 13 de novembro, dará premios ás ambientacións máis logradas e ás mellores fotografías diúrnas e nocturnas dos decorados e selfies ante os escaparates

Dinamizar e visibilizar o comercio de proximidade e concienciar á cidadanía pontevedresa sobre o feito de que a recuperación económica comeza polo consumo de produtos de Km 0 son os principais obxectivos do proxecto Nova Terra, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers en colaboración coa Deputación. A iniciativa incluirá, entre outras intervencións, asesoramento aos comerciantes, concursos, accións de escaparatismo e ambientación de rúa e obradoiros de ioga, fabricación de cremas cosméticas, cultivo ecolóxico e, para os máis pequenos, cociña saudable e monicreques con materiais de refugallo.

O proxecto foi presentado esta mañá nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o deputado provincial Carlos López Font, e a técnica experta en Visual Merchandising e asesora comercial Cany Juncal, responsable das sesións de asesoramento. Segundo salientou a edil socialista, Nova Terra pretende “acender unha chama de creatividade, esperanza e solidariedade nestas datas tan especiais, poñendo o acento na idea dunha sociedade responsable e saudable, a ecoloxía, a vida sa e, sobre todo, a importancia de achegar á xente ao comercio local”.

“Aínda que, en congruencia con outras accións de #PonteLovers como o Plan Impulsa ou o programa Atende ao Teu, esta iniciativa naceu coa vocación de estenderse por distintos barrios e parroquias de Pontevedra, a situación sanitaria levounos a concentrar esta primeira edición nunha zona determinada, de xeito que se poida controlar mellor: o entronque de Daniel de la Sota, a Rúa Peregrina e García Camba, incluíndo vías adxacentes como Castelao ou Frei Xoán de Navarrete. Nestes momentos, xa temos unha lista de máis de 20 comercios inscritos e agardamos que esta cifra se vaia incrementando. Aínda que xa está en marcha, con visitas aos negocios, inaugurarase o 13 de novembro e prolongarase durante dez días”, subliñou a concelleira Yoya Blanco.

Tal e como avanzou, “o escaparatismo será un dos eixos esenciais deste proxecto”, con intervencións que seguirán unha estética vencellada “a esa concienciación a prol dunha vida saudable e ecolóxica que queremos apoiar”, co emprego de elementos naturais e de materiais ecolóxicos e reciclables, “dun xeito ético e implicando aos comerciantes, para que ningún dos negocios perda o seu ADN e identidade persoal”. Tratarase así, como indicou Blanco, “de visualizar e modernizar o comercio de proximidade co obxectivo de fidelizar a un cliente cada vez máis esixente, con maior coñecemento dos artigos”. 

Un novo estilo de vida

A asesora comercial Cany Juncal asegurou que, no actual contexto, “os negocios de proximidade deben dirixir a súa oferta cara un novo cliente cuxo target xa non está baseado na idade ou no rango social, senón no seu estilo de vida: exhausto de información, cosmopolita, viaxeiro, amante da vida saudable, o exercicio físico e a boa alimentación, e consumidor de produtos de proximidade, moda sostible e artigos ecolóxicos e biodegradables”. “Queremos crear un comercio máis sostible e achegalo a un target que ama a natureza, humanizar os nosos espazos. Por este motivo, creamos unha estética de escaparatismo baseas nas árbores, as plantas e todo tipo de vexetación, así como en madeiras, cartón e outros materiais ecolóxicos, sostibles e reciclados”, indicou Juncal.

Segundo afirmou, “o impacto visual e a creatividade serán dúas premisas fundamentais” nestas intervencións, “que os comerciantes participantes efectuarán en base a nunha ficha moi visual de ‘Pasos para a correcta realización do meu escaparate’, que contarán co asesoramento dun equipo de especialistas e que incluirán a presenza de cartelería representativa da campaña (deseñada por Kiko da Silva)”.

Esta mesma liña de traballo seguirase á hora de ambientar as rúas, conxugando os materiais sostibles con frases de concienciación sobre a nova situación e pensamentos, xerando un contorno artístico que cause sorpresa e admiración aos viandantes e reafirmando a Pontevedra como unha cidade sostible e amante da natureza e dun estilo de vida saudable. Cany Juncal explicou que as rúas serán decoradas en varios puntos: “de forma aérea, poñendo teas de cor verde ,e mesmo imitando follas, entre os edificios; nas fachadas de cada un dos locais participantes, dando continuidade á ambientación do escaparate e creando unha sensación 3D;  e de forma vertical, ao comezo de cada rúa, con sinalizacións de madeira, indicación dos comercios e frases soadas ou cunha temática específica en cada rúa”.

A socialista Yoya Blanco constatou que, dentro das posibilidades que permitan as restricións sanitarias, “o proxecto Nova Terra contempla o desenvolvemento de obradoiros presenciais, ou a través de material gráfico, de ioga, fabricación de cremas cosméticas, cultivo ecolóxico, decoración de balcóns con plantas ornamentais e, para os máis pequenos, cociña saudable e monicreques con materiais de refugallo”. Estaba prevista tamén a celebración dun concerto, pero quedou cancelado pola evolución da pandemia.

Pola súa banda, o deputado Carlos López Font amosouse moi satisfeito de que o convenio asinado entre o Concello e a Deputación para o desenvolvemento de actividades de Promoción Económica, Educación e Saúde (no que se incluíu a Feira da Saúde e o Benestar PonteSan), “se vexa materializado agora nunha iniciativa tan magnífica e cunha causa tan importante como é o apoio ao noso comercio de proximidade”. Font lembrou que os concellos e as deputacións son “as primeiras administracións” ás que a cidadanía pode acoder nunha situación como a que estamos a vivir e instou “a todo o mundo a colaborar para que o comercio local se manteña e saia adiante”.

Concursos para comerciantes, público presencial e redes sociais

O proxecto de dinamización comercial inclúe a convocatoria dun concurso destinado a premiar os mellores escaparates e ambientacións realizadas polos comerciantes e que terá como xurado a unha persoa do mundo da arte, á concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e á coordinadora da iniciativa, Cany Juncal. Tamén se celebrará un concurso a través das redes sociais de Nova Terra (que disporá de contas de Facebook, Instagram, Twitter e Pinterest específicas), con premios á Mellor Fotografía Diúrna e á Mellora Fotografía Nocturna das ambientacións e ao Mellor Selfie individual ou en grupo diante dun dos escaparates (as que máis ‘likes’ obteñan recibirán un vale de 100 euros para gastar nos comercios participantes).

Asemade, desenvolveranse outros dous concursos de carácter participativo e presencial: 

  1. O Anel Protector: un xogo/concurso baseado na protección cara á pandemia da Covid-19, consistente no reparto dunha serie de pezas de puzzle entre os comercios que, baixo a denominación ‘os aneis de protección’, compoñerán unha serie de cinco imaxes con achegas e recomendacións sobre os hábitos recomendables e boas prácticas nesta ‘nova normalidade’. “O que consiga completar o crebacabezas -indicou Yoya Blanco- será agasallado cun vale de 100 euros para gastar nos comercios adheridos á iniciativa”.
  2. Unha ‘xincana’ de Pintura Invisible: haberá sinais de pintura invisible en distintos escaparates, que poderá facerse visible grazas ao teléfono móbil. A xornada inaugural, o venres 13 de novembro, poderán recollerse nos comercios participantes planos do espazo e o público poderá xogar a atopar esas inscricións invisibles, marcalas no plano e deixar este último nun dos establecementos cun teléfono de contacto. “Unha vez recollidos os planos -engadiu a edil do PSOE- farase un sorteo de cinco vales de 100 euros entre os participantes para gastar, por suposto, nos comercios da campaña”. 

Entre as accións previstas neste proxecto, que conta cun orzamento duns 50.000 euros, tamén se contempla sacar os comercios á rúa con saldos, oportunidades e promocións ou simplemente organizando un mini ‘show room’ das súas tendencias, sempre mantendo un gran coidado da estética e da imaxe propia de cada comercio.

O virus invisible, tamén presente na cartelería

A concelleira Yoya Blanco precisou que a imaxe deseñada por Kiko da Silva para o proxecto Nova Terra ten como ‘convidados’ uns virus en cor branco (a xeito de folerpas de neve), “que en realidade serán ‘invisibles’ no cartel impreso, cun acabado en brillo UVI”, unha idea coa que se intenta concienciar á cidadanía de que “aínda que non o poidamos ver, o virus segue estando aí e temos que tomar tódalas precaucións”.