As paredes dos colexios comezan a contar a súa historia e a do seu contorno natural e urbano

105
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, achégase ata o CEIP A Xunqueira I para contemplar o inicio do primeiro dos murais deseñado dentro do proxecto ‘O teu cole na historia’
  • As intervencións artísticas do equipo creativo de Polo Correo do Vento serán inauguradas o 30 de novembro, Día das Cidades Educadoras. Un total de 15 centros participa nesta iniciativa

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, achegouse esta mañá ata o CEIP A Xunqueira I para contemplar o bosquexo do primeiro dos murais que Quique Mauricio e Carlos Taboada, do equipo de Polo Correo do Vento, deseñaron no marco do proxecto municipal ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’. Os propios creativos explicaron a un grupo de nen@s do centro educativo, en presenza da súa directora, Susana Diéguez, dunha docente e dunha intérprete de lingua de signos, a temática e características desta intervención artística, que se situou nunha parede da porta de acceso ao edificio e que, como avanzaron, “está inspirada no propio ámbito natural da Xunqueira de Alba, cos seus paxaros, a súa fauna e a súa flora”.

Non obstante, Mauricio e Taboada convidaron aos máis pequenos, observadores de excepción desta contorna, a tomar boa nota dos elementos “que poidan botar en falta” e que serían susceptibles de seren engadidos ao mural, de xeito que “todos contribúan e poñan o seu grao de area á obra”. “Neste caso -indicaron os autores da pintura- ímonos centrar máis nun elemento identitario como é a riqueza medioambiental desta Xunqueira na que se atopa o colexio, mentres que noutros centros os murais repasarán parte da historia do propio centro e de Pontevedra”.

Un total de 15 colexios de Infantil e Primaria de Pontevedra participarán neste programa, impulsado pola Concellería de Educación coa finalidade de acadar a identificación do alumnado co seu centro escolar. A través dunha serie de pinturas, a iniciativa permitirá destacar as singularidades propias de cada centro escolar, así como a súa historia e contorna natural e urbana, facendo fincapé nas peculiaridades referentes ás instalacións, personalidades vencelladas aos mesmos ou monumentos e espazos patrimoniais de relevo que identifiquen o colexio e sexan contido de estudo e interese para os estudantes. 

Así, os centros máis próximos ao río Lérez, por exemplo, tratarán de amosar a biodiversidade dos bosques de ribeira, os que se atopan preto de xacementos arqueolóxicos farán fincapé nas pinturas rupestres, e os que se ubican achegados á ría de Pontevedra lucirán motivos mariñeiros e oficios do mundo do mar. Os murais terán unhas dimensións de dous metros por dous metros e cada un deles formará parte dun conxunto identificable de intervencións artísticas que servirán para dar unha imaxe común dos colexios implicados.

Os 15 centros participantes

Segundo precisou Tino Fernández, no proxecto, ao que a Concellería de Educación achegou máis de 17.000 euros, participarán os CEIP San Benito de Lérez, San Martiño, A Xunqueira I, Cabanas, Santo André de Xeve, Álvarez Limeses, A Xunqueira II, Parada-Campañó, Manuel Vidal Portela, Froebel e Ponte Sampaio; os CEP Marcos da Portela e Campolongo, e as EEI Verducido e Fina Casalderrey. “Agardamos que tódalas intervencións, ou cando menos a maioría, poidan estar rematadas para o vindeiro 30 de novembro, de xeito que as poidamos inaugurar con motivo do Día das Cidades Educadoras”, asegurou o socialista.

O conxunto de murais será publicado a través das redes sociais do Concello, podendo nun futuro converterse nunha rede de roteiros nos que o estudantado interactúe coas diferentes obras. Entre os obxectivos do proxecto ‘O teu cole na historia’ tamén se inclúen o fomento do respecto polo material común e o coidado dos edificios públicos por parte da comunidade educativa.