O Concello reivindica a Ricardo Portela como “mestre de mestres”

12
  • No acto de homenaxe polo centenario do seu nacemento, o alcalde puxo en valor o seu papel transcendental na dignificación da gaita e do papel do gaiteiro

“Non pode haber mellor indicador de inmortalidade que o de ser mestre de mestres” asegurou o alcalde na súa intervención de homenaxe a Ricardo Portela con motivo do centanario do seu nacemento. Miguel Anxo Fernández Lores referíase así á impronta que ‘O gaiteiro de Viascón’ deixou en xeracións de gaiteiros e gaiteiras que chegan ata os nosos días e que teñen en común ser recoñecidas internacionalmente como Susana Seivane, Cristina Pato, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Anxo Lorenzo ou Óscar Ibáñez. 

Na homenaxe, que tivo lugar na rúa Laranxo diante da casa onde viviu Ricardo Portela, tamén estiveron presentes representantes da corporación municipal como Carme Fouces, Pilar Comesaña, Xaquín Moreda, Yoya Blanco, Marcos Rey, e Silvia Junco; así como o  director do Museo, José Manuel Rey García, o neto do gaiteiro homenaxeado, Gonzalo Lorenzo Portela, o membro fundador do Colectivo Paseniño e do grupo Treixadura, Xoán López, e o presidente da Asociación Cultural Marmurios de Leucoíña e iniciador do Memorial Ricardo Portela, Eduardo Esteban. O gaiterio Óscar Ibáñez interpretou ‘Aires de Pontevedra’ en toque pechado.

No seu discurso, o alcalde da cidade indicou que “a Ricardo Portela debémoslle, e así llo queremos recoñecer, unha vida na procura da excelencia”, salientando o seu papel fundamental no “estudo, perfeccionamento e dignificación da gaita galega e dunha forma de tocar diferenciada e propia do noso país, o toque pechado”. Tamén sinalou que “actuou como transmisor da tradición musical ata conseguir ennobrecela” e que “grazas ao seu incansable e apaixonado esforzo contribuíu a que a gaita pasase de ser considerado un instrumento popular e humilde a materia de estudo técnico, riguroso, e de gran valía artística”.

Pola súa banda, o concelleiro de Patrimonio Histórico. Xaquín Moreda na presentación do acto fixo referencia a que Ricardo Portela desenvolveu unha parte importante da súa traxectoria mentres vivía en Pontevedra. Tamén mencionou unha anécdota persoal e lembrou que, durante a súa propia mocidade cando iniciaba os seus primeiros pasos como gaiteiro na Mariña, foi coñecedor da sona de Ricardo Portela como referente e virtuoso deste instrumento. 

Mentres, Gonzalo Lorenzo Portela aproveitou para agradecer todo o que Pontevedra leva realizando durante máis de 20 anos para manter viva a figura e o legado de seu avó e asegurou que el estaría “orgulloso de ver como seu amor pola gaita medra”. Xoán Lopez e Eduardo Esteban resaltaron tanto a traxectoria musical do homenaxeado como a súa gran personalidade e cercanía.