Pontenciencia regresa o vindeiro luns cun formato axustado á Covid-19, sen feira expositiva e coa participación dunha decena de centros educativos

45
  • A nova ‘Semana de Pontenciencia 2020: VII Feira da miniciencia: Que o coñecemento non pare!’ está impulsada pola Concellería de Educación en colaboración co Ministerio de Ciencia
  • No programa inclúense actividades sobre ciencia sonora, mulleres científicas, novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais, cerámica prehistórica, SOS á Terra ou teledetección

Unha decena de centros educativos de Pontevedra participarán entre os días 9 e 16 de novembro nunha edición de Pontenciencia cun formato axustado as restricións impostas pola Covid-19, sen a súa ‘clásica’ feira expositiva e reconvertida nunha ‘Semana de Pontenciencia 2020: VII Feira da miniciencia: Que o coñecemento non pare!’, con actividades individualizadas para cada grupo participante ás que asistirán un máximo de 25 alumn@s de 5º e 6º de Primaria por centro. O proxecto, impulsado pola Concellería de Educación e subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia e Innovación dentro da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, inclúe no programa desta edición unha oferta de actividades con temáticas do máis variado, que abranguen cuestións como ciencia sonora, mulleres científicas, novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais, cerámica prehistórica, SOS á Terra, teledetección ou coñecemento do ceo nocturno e creación dun planisferio terrestre.

Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, Pontenciencia “é un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador” e que “pon ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación”. 

“Permite achegar a ciencia e a innovación dende o máis próximo e o cotiá, promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos, despertar a curiosidade e o interese científico a nivel persoal e colectivo, estimular a participación cidadá en procesos científicos e visualizar a ciencia entre os nenos/as e o público en xeral”, explica o socialista.

Fernández lembra que “ata o de agora se viña celebrando unha feira expositiva de proxectos de investigación escolar aberta ao público, co obxectivo de poñer ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, pero a situación sanitaria levou a reformulala”, con actividades individualizadas a desenvolverse tanto na Escola Universitaria de Forestais do Campus de Pontevedra como en dez centros educativos: CFEA Lourizán, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Primaria e Secundaria), CEIP Plurilingüe Froebel, CEIP San Martiño, CEP Marcos da Portela, CEIP Praza de Barcelos, IES Luis Seoane, CEIP Parada-Campañó, CEIP San Benito de Lérez e CEIP A Xunqueira II.

As actividades ofertadas a Educación Primaria e Secundaria:

  1. ‘Ciencia sonora’: obradoiro práctico no que o alumnado aprende a crear sons musicais electrónicos descubrindo as propiedades químicas e eléctricas de materiais coñecidos. Laboratorio sonoro no que se familiariza con diversos conceptos científicos a través de experimentos que utilizan a música electrónica como elemento condutor.
  2. ‘O número áureo: a divina proporción’: Comprender que as matemáticas estruturan procesos habituais nas nosas vidas, entender como a proporción contribúe á beleza da obra de arte, identificar a presenza da proporción áurea no medio próximo.
  3. ‘Cerámica prehistórica e exhibición do lume’: aprender a realizar un cacharro cerámico prehistórico individualmente a través da técnica dos churros á vez que tamén se aprende a realizar lume mediante unha exhibición.
  4. ‘Coñecemento do ceo nocturno e creación dun planisferio terrestre. Orixe da vida na terra, a teoría da panspermia’: os alumnos/as crearán un planisferio celeste e aprenderán como utilízalo para analizar as principais constelacións que reinan nos nosos ceos nas diferentes épocas do ano. A actividade rematará cunha pequena proxección que dará pe a un debate sobre a orixe da vida na terra.
  5. ‘Náufrago: espectáculo teatral de divulgación científica’: despertar a curiosidade e a imaxinación do público cos experimentos, disparatadas ocorrencias e inventos dos nosos científicos tolos, á vez que se aprende que é unha reacción química, a electricidade estática, a 3ª lei do movemento de Newton, a diferencia de presión ou os estados da materia.
  6. ‘Mulleres científicas: espectáculo de divulgación científica’: Hipatia de Alexandría, Lady Lovelace, Barbara McClintock, Dorothy Hodgkin, Ángela Ruiz Robles, María Josefa Wonenburger, Margarita Salas… A obra achegará a biografía e descubrimentos das científicas coa metodoloxía habitual de Ciencia Divertida.
  7. ‘Reaccións químicas: obradoiro científico’: transmisión de coñecementos científicos a través de divertidos obradoiros de ciencia
  8. ‘SOS á Terra: Salvemos o planeta. O noso único fogar!’: unha das mellores formas de despertar a curiosidade de aprender é experimentando. Por iso, ponse a disposición do alumnado un museo científico no que se expoñen os ‘síntomas’ que padece o noso planeta. Posteriormente, amósanse os distintos tipos de contaminación e a obsolescencia planificada. Amósarase con detalle como afecta aos distintos seres vivos, pois estamos inmersos na 6ª Extinción. Por último, expóñense as medidas que conducirán á súa salvación mediante a reciclaxe e as enerxías renovables.
  9. ‘Rumbo ás Illas’: coñecer e identificar o espazo protexido que é o Parque Nacional das Illas Atlánticas e súa biodiversidade, na que se fundamenta a condición para a súa protección e conservación.
  10. ‘Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais. Actividades con sentinel playground. Actividade por videoconferencia’: mediante esta actividade online e a través de exemplos prácticos dos incendios de outubro de 2017 en Pontevedra, de 2020 en Ourense, da deforestación do Amazonas e de Krakatoa, levaranse a cabo diversas tarefas prácticas coa axuda dos satélites sentinel do programa Copernicus. Que é a teledetección? Que e cales son os satélites centinela? Como atopar unha imaxe centinela dun determinado lugar e data? Como interpretar a imaxe? Como saber se un incendio forestal afectou a unha superficie forestal e canto?
  11. ‘Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques’: o obxectivo desta proposta é comparar a diversidade liquénica en dúas formacións arbóreas frecuentes en Galicia: un bosque autóctono, por exemplo unha carballeira, e un cultivo forestal, por exemplo un eucaliptal, para confrontar a biodiversidade destas dúas comunidades. Os alumnos terán que aplicar unha fórmula chamada índice de biodiversidade liquénica ou ibl que se adapta e simplifica para esta proposta.

O calendario das actividades:

Luns 9 de novembro

  • ‘Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques’. Escola de Enxeñería Forestal. De 10:00 a 12:00 horas, con 22 alumnos/as do CFEA Lourizán.
  • ‘Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios’. Escola de Enxeñería Forestal. De 10:00 a 11:00 horas, con 20 alumn@s do CFEA Lourizán.
  • ‘O número áureo’. De 9:30 a 12:30 horas. CPR Sagrado Corazón de Jesús, cun grupo de 75 alumn@s de 6º Educación Primaria.
  • ‘Reaccións químicas’. De 10:00 a 11:00 horas. CEIP Plurilingüe Froebel.
  • ‘Náufrago’. De 11:00 a 12:00 horas. CEIP Plurilingüe Froebel.
  • ‘Mulleres científicas’. De 12:30 a 13:30 horas. CPR  Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús.

Martes 10 de novembro

  • ‘Rumbo as Illas. De 9:30 a 10:30 horas. CEIP San Martiño, con 21 alumn@s de 6º de EP.
  • ‘Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios’. Escola de Enxeñería Forestal, de 11:00 a 12:00 horas, con 50 alumn@s de 6º de EP do CEIP Praza de Barcelos.
  • ‘SOS á Terra’. De 10:00 a 14:00 horas. CEP Marcos da Portela, con 63 alumn@s de 6º de EP.
  • ‘Coñece o ceo nocturno’. A Fundación Ceo, Ciencia e Cultura. De 9:00 a 11:00 horas. CEIP Praza de Barcelos, con 50 alumn@s de 5º de EP. E de 11:20 a 12:10 horas, con 25 do CEIP San Martiño.
  • ‘Reaccións químicas’. De 12:00 a 13:00 horas, o CEIP Praza de Barcelos, e de 13:30 a 14:30 horas, o CEIP San Martiño.

Mércores 11 de novembro

  • ‘Cerámica prehistórica’. De 09:00 a 10:30 horas e de 10:30 a 12:00 horas, con 42 alumn@s de 1º da ESO do IES Luis Seoane. 
  • ‘Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques’. Escola de Enxeñería forestal. De 10:00 a 12:00 horas e de 12:00 a 14:00 horas, con 44 alumn@s de 3º da ESO do CPR Sagrado Corazón de Jesús.
  • ‘Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios’. Escola de Enxeñería Forestal. De 11:00 a 12:00 horas, con alumn@s de Bacharelato do CPR Sagrado Corazón de Jesús, e de 12:00 a 13:00 horas con alumn@s de Bacharelato do IES Luis Seoane.
  • ‘O número áureo’. De 9:00 a 11:00 horas. 50 alumn@s do IES Luis Seoane.
  • ‘Coñece o ceo nocturno’. Fundación Ceo, Ciencia e Cultura. De 10:00 a 13:00 horas, con 66 alumn@s de 1º da ESO do IES Luis Seoane 1º.

Xoves 12 de novembro

  • ‘Ciencia sonora’ De 10:00 a 11:00 horas e de 11:00 a 12:00 horas, con 40 alumn@s de 1º da ESO do IES Luis Seoane 1º ESO.
  • ‘SOS á Terra’. De 10:30 a 14:30 horas, con 66 alumn@s de 1º da ESO do IES Luis Seoane.
  • ‘Reaccións químicas’. De 10:30 a 11:30 horas, o CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, e de 13:00 a 14:00 horas, o CEIP Parada-Campañó.
  • ‘Náufrago’. De 9:30 a 10:30 horas, o CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, e de 12:00 a 13:00 horas, o CEIP Parada-Campañó.

Venres 13 de novembro

  • ‘Ciencia sonora’. De 09:30 a 10:30 horas e de 10:30 a 11:30 horas, 50 alumn@s de 6º de EP do CEIP A Xunqueira II.
  • ‘Coñece o ceo nocturno’. Fundación Ceo, Ciencia e Cultura. De  9:00 a 11:00 horas. 50 alumn@s de 5º e 6º de EP do CEIP Parada-Campañó.
  • ‘Reaccións químicas’. De 12:30 a 13:30 horas. CEIP A Xunqueira II.
  • ‘Mulleres científicas’. De 11:30 a 12:30 horas. CEIP A Xunqueira II.

Luns 16 de novembro

  • ‘Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques’. Escola de Enxeñería Forestal. De 10:00 a 12:00 horas e de 12:00 a 14:00 horas, con 44 alumn@s de 3º da ESO do CPR Sagrado Corazón de Jesús.