Lores: “Destrozouse o esforzo de miles e miles de persoas que estiveron confinadas durante o estado de alarma”

63
  • O alcalde recrimina que non se tiveran tomado medidas preventivas e de reforzo do sistema sanitario antes de que a transmisión do virus se disparase
  • Miguel Anxo Fernández Lores demanda que as medidas que implican o peche da actividade económica vaian acompañadas de medidas compensatorias

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá para manifestar a preocupación “pola situación sanitaria que estamos a vivir no noso Concello e en toda Galiza” e polas consecuencias económicas e sociais que dela se van derivar.

Fernández Lores asegurou que se se chegou á situación actual foi por non tomar as medidas preventivas necesarias para evitala. “Teño que dicir claramente que se destrozou o sacrificio de miles e miles de persoas que estiveron confinadas na súa casa durante tres meses por non tomar unhas medidas preventivas necesarias e imprescindibles para non chegar á situación na que estamos agora” afirmou.

Unha medidas preventivas que en palabras do alcalde “se sabía cales eran, sabíase perfectamente que había que reforzar o sistema sanitario e non se abriron nin listas para substituír a especialistas de microbioloxía, non se buscaron rastrexadores, non se preveu facer suficientes probas PCR a nivel social, e agora estamos nunha situación semellante a como estabamos daquela cando sabiamos perfectamente o que había que facer”. Neste sentido, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que “polo tanto hai unha responsabilidade por parte de quen tiña que facelo e non o fixo”.

O alcalde explicou que “os veciños e veciñas, durante os meses do estado de alarma, fixemos un sacrificio impresionante para conseguir reducir esa curva, eliminar a incidencia do virus nun momento determinado, e en xullo cando se acabou o estado de alarma tiñamos unha incidencia moi pequena de transmisión do virus, non había transmisión comunitaria e desde aquela ata agora perdéronse de facer moitas cousas que eran imprescindibles para que non chegar á situación que chegamos agora”.

Sobre as medidas tomadas polo Goberno autonómico  -peche perimetral e paralización da actividade non esencial, nomeadamente da hostalería-, o alcalde pontevedrés asegurou que “se se están tomando esas decisións, iso implica que deben compensar economicamente aos sectores que obrigatoriamente non se lles deixa traballar”.

Insistiu en que “mentres non se resolva a sitación sanitaria malamente se vai resolver a situación social e a situación económica” e que “tomar medidas tímidas non é a solución”. O alcalde avanzou que, ante a situación actual “estamos abocados inevitablemente a tomar medidas máis restritivas porque estamos nunha situación de transmisión comunitaria cerca ou por riba xa dos 500 infectados por 100.000 habitantes, que son cifras absolutamente astronómicas e onde non vai quedar máis remedio, por erros de quen tiña que tomar medidas, que facer novas restricións da mobilidade para intentar reducir a incidencia que está sendo preocupante.”

Respecto ás competencias do Concello, Miguel Anxo Fenández Lores fixo un repaso polo traballo realizado polo Goberno municipal desde a aparición da pandemia en diversas áreas, como foron as medidas dirixidas a garantir a seguridade dos traballadores e do público que ten que acudir a oficinas municipais, mesmo acomentendo obras nas propias instalacións municipais, garantir teletraballo, incrementar os servizos online e telefónicos, manter a máxima actividade económica posible, redifinir as festas e a programación de verán para dinamizar a economía local, reducir a taxa de veladores para a hostelaría e sacar unha liña de subvencións, que está en tramitación neste momento, cun investimento importante para garantir o futuro da actividade de autónomos e pequenas empresas. No relativo ao papel do Concello, o alcalde asegurou que seguirá traballando na liña de pular pola futuro da actividade económica local.