A iluminación ornamental da ponte do Burgo inicia horario de inverno

77
  • Desde esta fin de semana, a iluminación en cores da ponte do Burgo pasa ás 20h e manterá este horario ata o mes de marzo

Tras cambio de hora no prendido do alumeado público, que se adianta pola habitual  redución de horas de luz no inverno, tamén se adapta o horario da iluminación ornamental da ponte do Burgo. Así, o espectáculo de luces de cores que ilumina cada noite o perfil da ponte medieval, pasa a realizarse ás 20h desde esta fin de semana e manterá este horario ata o mes de marzo.

Este breve espectáculo de iluminación ornamental, que dura apenas uns minutos, viña realizándose cada noite ás 23h desde a inauguración do remate das obras da posta en valor da ponte do Burgo o pasado 4 de agosto. Convén lembrar que se trata dun deseño específico realizado combinando luces de cores para resaltar a arquitectura da ponte máis emblemática da cidade a través dos últimos avances no sector da tecnoloxía lumínica. 

As cores incorporadas no sistema do alumeando da ponte, ademais de servir para o espectáculo ornamental, tamén están previstas para poder ser utilizadas con motivo de citas de especial interese no calendario de días dedicados internacional ou mundialmente á causa de diferentes colectivos sociais.

O proxecto de iluminación fora enfocado como un dos grandes retos das obras de posta en valor da ponte do Burgo, apostando por un deseño ad hoc que proporciona un alumeado non contaminante, non invasivo, e non abrasivo para as persoas. O proxecto, que correra a cargo da empresa pontevedresa Setga, inclúe luces na superficie encaixadas no pavimento, iluminación en altura con elementos integrados na nova varanda, e elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realzan a traza dos arcos, a súa estrutura e forma.