A plataforma #PonteLovers e Hoempo impulsan un directorio de establecementos con servizo de comida a domicilio ou recollida en local

110
  • A lista de negocios, activada por Promoción Económica en colaboración cos colectivos empresariais da cidade, poderá consultarse en ‘E-Ponte.com’ e en diversas web e redes sociais

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da plataforma #PonteLovers, e a Asociación de Hostelería de Pontevedra (Hoempo), en colaboración cos colectivos empresariais da cidade, están a xestionar a creación dun directorio de todos aqueles establecementos hosteleiros que, durante este peche obrigatorio, oferten servizos de envío de comida a domicilio ou recollida en local, ou ben que desexen facelo e non saiban como. A primeira fase deste proceso de confección do directorio consistirá na recollida de información sobre os negocios interesados, para o que tanto o departamento que dirixe Yoya Blanco como Hoempo, a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), a Asociación da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM) e a Cámara de Comercio están a distribuír, vía correo electrónico e whatsapp, un formulario que inclúe datos dos establecementos (nome, enderezo, teléfono e web), de contacto (nome, teléfono e correo electrónico) e servizos ofertados ou que se desexan ofertar.

Non obstante, todos aqueles interesados en adherirse ao directorio terán ata o xoves 12 de novembro para remitir a información necesaria a través das direccións de correo electrónico ‘pontehoempo@gmail.com’ e ‘administracion@proxectoiles.es’. Tal e como explica Yoya Blanco, “unha vez confeccionado, o directorio de establecementos hosteleiros poderá consultarse no marketplace ‘E-Ponte.com’ e nas páxinas web e redes sociais de Hoempo, Concello de Pontevedra, #PonteLovers, AJE, Aempe, CCU ZM, Cámara de Comercio e Proxecto ILES”. “No caso de que os locais non teñan entrega a domicilio e queiran tela, ofreceráselles axuda e asesoramento para poñela en marcha”, subliña a socialista.