Lores e Feijoo manterán mañá a primeira xuntanza da lexislatura

20
  • A crise derivada da Covid e proxectos como o gran Gran Montecelo, a variante de Alba ou o pavillón de ximnasia da Parda, entre os asuntos que o alcalde porá enriba da mesa

Mañá ás 11:30 en San Caetano, o alcalde de Pontevedra e o presidente da Xunta manterán o primeiro encontro da presente lexislatura. Segundo informou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, neste encontro o alcalde porá enriba da mesa proxectos prioritarios para Pontevedra como o Gran Montecelo ou a variante de Alba. Tamén adiantou que entre os asuntos a tratar se inclúe a situación de crise xerada pola Covid, da que Gulías asegurou que “para nós é unha das preocupacións máis grandes”. Neste sentido, avanzou que se procurará abordar “como os Concellos podemos seguir prestando servizos dentro das nosas competencias, e reclamar unha fórmula colaborativa que permita asumir estes gastos tendo en conta a realidade dos Concellos galegos”.

Ademais da crise da Covid, Miguel Anxo Fernández Lores ten previsto tratar con Alberto Núñez Feijoo asuntos relativos a diferentes infraestruturas, proxectos sanitarios e deportivos, mobilidade e planificación cultural. 

No eido dos proxectos sanitarios e deportivos, inclúese o proxecto do Gran Montecelo, a mellora das instalacións do Punto de Encontro e o pavillón de ximnasia da Parda. No apartado de proxectos e demandas de infraestruturas e medioambientais, inclúense a variante de Alba, a estación intermodal, a renaturalización e mellora da mobilidade peonil no río Gafos, a desafectación das parcelas da Xunta na Xunqueira e na Gándara, e a colaboración en programas de xestión en residuos urbanos. En infraestruturas hidráulicas, abordarase o Plan de saneamento da ría e o dragado da ría; e no eido da Mobilidade, o transporte metropolitano e urbano e a mobilidade e seguranza viaria. Por último, no apartado de demandas socio-culturais, falarase do novo edificio do Museo provincial de Pontevedra en Valdecorvos, da re-planificación cultural do Xacobeo e da reapertura da delegación da TVG na cidade.