Once autoescolas da cidade coñecen mañá a nova Ordenanza de Mobilidade Amábel

23
  • A Campaña SUMA chega tamén á rúa co primeiro reparto de folletos informativos que tivo que ser suspendida a semana pasada polo mal tempo.

A Concellaría de Mobilidade reúnese mañá con 11 autoescolas da cidade na segunda xornada de formación técnica que se ofrece dentro da campaña SUMA  para difundir a nova Ordenanza de mobilidade amábel e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra. A xornada estará coordinada pola Policía Local coa presenza do director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte. Estará presidida polo concelleiro de Mobilidade Demetrio Gómez.

As autoescolas amosáronse moi interesadas en manter este encontro coa Policía e o Gabinete de Mobilidade para coñecer cal é a nova normativa, especialmente, tendo en conta que a cidade é o espazo de exames da DXT nesta zona da provincia.

Esta reunión viuse precedida pola celebrada a pasada semana coas tendas de bicicletas da cidade, e completarase con outras como a programada co colectivo de skaters prevista para o vindeiro martes, 24 de novembro.

Os Polis Tolos saen mañá polo centro histórico 

Ademais, mañá pola tarde retómase a primeira acción de rúa que tivo que ser suspendida a semana pasada por mor do mal tempo. Será o primeiro reparto informativo da Campaña SUMA polas rúas da cidade a cargo dos “Polis Tolos”; unha aposta treatral do grupo Troula que irá repartindo información polo centro histórico da cidade entre as 17.30 e as 19.30 horas. Volverán a saír pola zona máis comercial, o mércores, esta vez de mañá, entre as 11.30 e as 13.30 horas.

Están previsto até un total de 10 repartos por todo o ámbito da cidade, dende os barrios da Parda, Monte Porreiro, Burgo e todo o centro urbano nos que se entregarán ademais dun folleto no que se resume de maneira clara e sinxela os aspectos xerais da normativa, diverso merchandising da campaña como mochilas, brazaletes, globos, tatoos…