A nova ordenanza de mobilidade chega ás autoescolas

46
  • Once centros de ensinanza participaron esta mañá nun encontro co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, o director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, que lles informaron sobre a nova normativa.

O departamento de Mobilidade e a Policía Local mantiveron esta mañá un encontro  formativo con 11 autoescolas da cidade para informarlles sobre a nova Ordenanza de mobilidade Amábel e espazos públicos do Concello de Pontevedra, e sobre a  campaña informativa SUMA (Súmate á Mobilidade Amábel) que emprega o Concello para difundir o contido desta nova norma.

O concelleiro de mobilidade, Demetrio Gómez, acompañado do director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle e do xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, dirixiuse ás autoescolas asegurando que “ningún veciño ten que terlle medo a circular en coche pola cidade”, xa que nesta nova normativa se recollen “as condutas que xa temos interiorizadas, e sempre respectando ao máis feble: o peón”.

Na reunión tamén abordaron as dúbidas que xurdiron entre os profesores de autoescolas e ofrecéronlle documentación e información sobre a norma ordenanza.

Hoxe tamén foi o día no que saíron á rúa, por vez primeira, os Polis Tolos, unha aposta teatral do grupo Troula que se irá encargando de percorrer o centro e todos os barrios da cidade ofrecendo información e merchandising da Campaña SUMA.

Os Polis Tolos volverán a saír mañá pola mañá polas rúas de Pontevedra, en horario de 11.30 a 13.30 horas.