O novo vial de acceso aos Campos pendente da retirada de postes por parte de Fenosa e Telefónica

19
  • O Concello adoptará as medidas que sexan precisas para que estas empresas de subministro de enerxía leven a cabo os traballos que lles corresponden e que estaban recollidos no proxecto

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez informou esta mañá na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos que as obras no novo vial de acceso aos Campos están atopando atrancos no relativo aos traballos que deben realizar as empresas de subministro de enerxía Fenosa e Telefónica. Estes traballos consisten na retirada de postes que se atopan no trazado do novo vial e que, segundo informou o concelleiro, son traballos que constan no proxecto, xunto co orzamento correspondente, e que no seu momento foran informados positivamente por ambas empresas.

Demetrio Gómez explicou que neste momento a principal dificultade radica no contacto coa empresa Telefónica coa que, dixo “é imposible comunicarse”. Aclarou que “temos boas relacións coa empresa que lle fai a subcontrata á empresa matriz e polo que intuímos hai algo aí que non funciona ben entre a subcontrata e Telefónica que nos ten moi moi descontentos”. Asegurou que esta falta de comunicación “xa chega a un punto que entendemos que non están tratando ben aos veciños e veciñas de Pontevedra e por aí non pasamos”, polo que anunciou que “a partir de agora imos estudar e adoptar todas as medidas que sexan precisas para que Telefónica realice eses traballos”. Os traballos que lle corresponden a Telefónica recollidos no proxecto consisten na retirada de catro postes. 

No caso de Fenosa, Demetrio Gómez explicou que, tras dous meses de negociacións, xa conseguiu desbloquearse parte da situación. Os traballos que lle corresponden a esta empresa estaban orzamentados inicialmente en 5.694 euros (traballos e orzamento informados favorablemente pola propia Fenosa) pero que á hora de executalos enviou un novo orzamento por un importe de 17.453 euros que ademais non incluía a totalidade da actuación. “Por suposto, plantámonos e dixemos que non pagabamos” afirmou Demetrio Gómez, que informou que esta mesma mañá a empresa enviou unha valoración por unha parte dos traballos por 3.400 euros. Trátase, concretemente, da retirada dos postes da liña vella que quedan no trazado do novo vial. Queda pendente de orzamentar o resto dos traballos, que se refiren á retirada dun poste que queda situado na zona verde detrás do edificio do GDR e que debe ser cambiado de ubicación.

Na Comisión de Mobilidade tamén se informou do estado doutras obras urbanas como son o comezo, esta mesma semana, da actuación na rúa Médico Ballina para crear zonas de aparcadoiro de servizos e estancia, e do corte do tráfico nun tramo de Loureiro Crespo para colocar unha tubaxe para a empresa de subministro de cable R. Demetrio Gómez tamén informou que o aparcadoiro de bordo de Valdecorvos xa entrará en funcionamento a finais desta semana, posto que xa foi asfaltado e ente hoxe e mañá está previsto executar os traballos que faltan como a recollida de pluviais, o tratamento dos noiros e o pintado das prazas. Por último tamén informou da cesión de espazo público na rúa Alfonso XIII e en parte da praza Concepción Arenal para o recreo dos centros educativos Froebel e Doroteas; e de que a moción do PP sobre as melloras no Monte do Taco foi ditaminada favorablemente tras aceptar a retirada do punto 3 referido á Policía Municipal.