#PonteLovers impulsará accións formativas para os hostaleiros e autónomos da nova Plataforma de Afectados Covid Pontevedra

124
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, mantivo hoxe un encontro con tres voceiros do colectivo recentemente constituído, do que xa forman parte 134 empresari@s

A Concellería de Promoción Económica, a través de #PonteLovers, impulsará e financiará programas e accións formativas para os hostaleiros e autónomos de diferentes sectores que conforman a recentemente constituída Plataforma de Afectados Covid Pontevedra. Así llo garantiu esta mañá a máxima responsable do departamento municipal, a socialista Yoya Blanco, aos seus voceiros, Jacobo Barragáns, Esteban Pampín e Jacobo Rivas, nun encontro que tivo lugar na Sala de Comisións do Concello e que serviu para coñecer de primeira man as necesidades e demandas máis perentorias dos membros do novo colectivo.

Blanco calificou o encontro de “moi positivo”, ao permitir enumerar “unha serie de ideas que queremos desenvolver nun futuro e coas que o Concello vai colaborar co ánimo de axudar a levantarse a uns dos sectores máis golpeados pola pandemia”. A concelleira de Promoción Económica trasladoulles aos portavoces do colectivo “unha mensaxe de forza, ánimo e tranquilidade, xa que seguiremos en contacto para adoptar acordos e medidas que permitan paliar esta complicada situación e adaptarse con rapidez”.

Pola súa banda, os voceiros da Plataforma incidiron na urxencia de que se lles devolvan os impostos e taxas que, segundo entenden, “están cobrados indebidamente”, unha reivindicación que, ao non seren da súa competencia directa, Blanco se comprometeu a trasladar ás instancias correspondentes. Non obstante, Jacobo Barragáns agradeceulle á edil socialista “a empatía amosada nesta reunión” e a súa predisposición “a axudar coa formación dos nosos membros e con outras demandas”.

Barragáns indicou que as adhesións á Plataforma de Afectados Covid Pontevedra “suben por minutos” e que nestes intres xa forman parte da mesma 134 empresari@s, dende hostaleiros e pequeno comercio ata asociacións de perruquería, sector do espectáculo ou calquera outra persoa que se poida ver afectada por esta situación.