María Victoria Moreno súmase ás máis de 30 actuacións do Plan de revisión de itinerarios peonís

36
  • Desde o departamento de Sostemento de Espazos Públicos  estase a realizar unha exhaustiva revisión e arranxo das beirarrúas e plataformas de convivencia peonil da cidade
  • Hai dous equipos de mantemento, un da empresa Covsa e unha brigada municipal, dedicados exclusivamente a esta tarefa 

A área de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, xestionada pola concelleira Eva Vilaverde, no marco do Plan de supervisión de itinerarios peonís está a realizar unha exhaustiva revisión das beirarrúas e plataformas de convivencia peonil da cidade. Neste momento, unha brigada municipal está acometendo a revisión e arranxo do pavimento nas beirrarúas da avenida María Victoria Moreno. Estes traballos, que comezaron pola marxe dereita (dirección avenida Manuel del Palacio), supoñen a identificación e reparación de pavimento deteriorado, afundido, roto, ou que sexa susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos. Cara a finais desta semana, tamén está previsto que outro equipo comece coa revisión e arranxo do pavimento da avenida de Lugo.

As actuacións enmarcadas no Plan de supervisión de itinerarios peonís comezaron a realizarse no mes de abril, coa posta en funcionamento do contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, a través dun equipo específico para estas tarefas da empresa  adxudicataria Covsa, que se reforza cunha brigada municipal de tres persoas dedicadas a esta tarefa a tempo completo. Desde a posta en marcha do Plan ata a actualidade lévanse realizado 33 actuacións en distintos puntos da cidade.

Neste sentido, Eva Vilaverde salienta “a coordinación entre a propia empresa e as brigadas municipais que están facendo un traballo de reforzo e complementariedade valiosísimo para a cidade”, ao tempo que lembra que o mantemento dos itinerarios peonís “é unha prioridade durante todo o mandato pero neste momento cabe intensificalo máis  se cabe pola chegada das chuvias e do inverno, porque de todos son coñecidas as dificultades provocan nos pavimentos e para nas zonas peonís”.

Durante o mes de outubro, a brigada municipal realizou actuacións de supervisión de itinerarios peonís en 19 rúas da cidade. Na zona leste, interviu na rúa de Santa Teresa de Jesús Jornet, na rúa Diego Sarmiento Acuña – Conde de Gondomar, rúa Maruxa Mallo, rúa da Abundancia, rúa da Carrasqueira, rúa San Amaro, rúa do Campo Santo, rúa Pintor Laxeiro, rúa da Estrada, rúa Losada Diéguez, rúa Rafael Dieste, e avenida Juan Carlos I. No barrio do Burgo revisaron a rúa Juan Bautista Andrade; no centro histórico a rúa Arzobispo Malvar; en Monte Porreiro a rúa Eirín; na área de Campo Longo a rúa Iglesias Vilarelle; e na zona de Eduardo Pondal, a propia Eduardo Pondal e a rúa Camiño de Ferro. No anel periférico, actuouse no tramo da avenida Bos Aires diante do CEIP Manuel Vidal Portela.

Pola súa banda, o equipo de mantemento da empresa Covsa realizou actuacións de revisión de itinerarios peonís na rúa Ferreiros, rúa García Alén, avenida de Santa María, rúa Paio Gómez Charino, na praza do Concello, rúa Michelena, avenida de Montero Ríos, rúa Benito Corbal,  glorieta de Compostela, rúa Riestra con Gutiérrez Mellado, rúa da Estación, rúa Castelao e rúa Otero Pedrayo.