A VII Milla Solidaria Anedia regresa con 160 atletas participantes e emisión en streaming

132
  • A ‘clásica’, organizada por Anedia en colaboración coas concellerías de Deportes e de Benestar Social co gallo do Día Mundial da Diabetes, terá lugar o sábado 14 dende as 11:00 horas no CGTD

Cunha participación restrinxida a 160 atletas e rigorosos protocolos de seguridade por mor da situación sanitaria, as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) acollerán esta fin de semana a VII Milla Solidaria Anedia, organizada pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia) en colaboración coas concellerías de Deportes e de Benestar Social do Concello de Pontevedra, a Federación Galega de Atletismo e a Secretaría Xeral para o Deporte. A ‘clásica’, que se enmarca dentro das actividades programadas co gallo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, e que inclúen a iluminación da fachada da Casa Consistorial con luz de cor azul e o despregue dunha pancarta conmemorativa na Casa da Luz na xornada de mañá, terá lugar o sábado a partir das 11:00 horas e será retransmitida en streaming (dende as 10:45 horas) co obxectivo de que toda a cidadanía poida desfrutar da proba dende a casa.

A Milla Solidaria Anedia foi presentada hoxe nun acto no que participaron a presidenta da Asociación, Mari Rego; o colaborador e director técnico da competición, Gonzalo Méndez; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; o edil de Benestar Social, Marcos Rey; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, e o delegado da Federación Galega de Atletismo en Pontevedra, David Ferrer, así como diversos membros de Anedia. Tal e como indicou Fernández, “organizando este evento, queremos concienciar á xente de que si se pode celebrar unha proba ao aire libre, sempre e cando se trate de deporte individual, cun protocolo estrito e coa maior esixencia e responsabilidade”.

Un protocolo que, segundo explicou Gonzalo Méndez, “será moi especial en tódolos aspectos, xa que se aplicará dentro e fóra do Estadio, tentando que non haxa nin unha soa aglomeración tamén no exterior e non permitindo que accedan ao interior máis persoas que os atletas e adestradores”. “Haberá 16 atletas por proba, saíndo oito por carreira, dende Sub-10 ata Absoluta, en categorías masculina e feminina (dúas series: A e B), e permitirase un adestrador por cada cinco deportistas (dous se teñen 10). O protocolo será moi severo neste sentido para que haxa moi pouquiña xente dentro, só os que van competir. Unha vez rematen, os rapaces teñen que marchar, xa non poden quedar a ver as outras competicións. Os primeiros recollen os seus premios, marchan e xa entran os seguintes. Estamos convencidos de que todo vai saír ben”, subliñou Méndez.

Méndez explicou que a primeira proba, “a dos máis pequenos”, dará comezo ás 11:00 horas, mentres que “a milla dos maiores, de 1.609 metros, iniciarase ás 13:00 horas”. O director técnico da competición matizou que “esta será a primeira vez que se celebre unha milla destas características en pista en España”.

O concelleiro de Deportes amosouse “satisfeito e orgulloso de seguir a colaborar con Anedia nalgo tan importante para a saúde como o deporte ao aire libre”, e precisou que a proba será emitida en streaming a través da canle de Youtube de Anedia e o Facebook de Deporte Pontevedra. “Pedímoslle á xente que o vexa dende casa e que goce ao máximo de tres horas de atletismo, que contarán con varios dos mellores competidores masculinos e femininos de Galicia e con clubs convidados que teñen nas súas filas atletas afectados pola diabetes tipo 1”, asegurou Tino Fernández.

En marcha a Volta a España pola Diabetes

Tal e como lembrou o concelleiro de Benestar Social, a VII Milla Anedia “non é a única acción de carácter deportivo e solidario organizado con motivo do Día Mundial da Diabetes, posto que xa dende o pasado 28 de outubro se está a desenvolver a Volta a España pola Diabetes-Kilómetros pola Diabetes, un evento impulsado pola Fundación Diabetes Cero (centrada na investigación da diabetes tipo 1) e por Diabetes Madrid, cuxa etapa 14, dedicada a Pontevedra, rematará o 2 de decembro”. 

Marcos Rey subliñou que, á marxe destas actividades deportivas, o programa deseñado por Anedia e o Concello polo 14 de novembro, que este ano se adica a destacar o importante papel dos enfermeiros na atención aos pacientes con diabetes, tamén inclúe charlas formativas orientadas ao apoio psicolóxico de familias con fillos pequenos, a adolescentes e tamén aos casos de recente diagnóstico. As primeiras sesións terán lugar hoxe, o sábado e o xoves 26 de novembro, todas elas a través de streaming.

A programación conmemorativa tamén contempla a iluminación da Casa Consistorial con luz de cor azul durante a noite do venres ao sábado e o despregue dunha pancarta na Casa da Luz ás 11:00 horas de mañá. 

Asemade, Anedia tamén colaborou coas concellerías de Deportes e de Educación do Concello de Pontevedra para poder levar a tres centros educativos da cidade un espectáculo de contacontos protagonizado por Raquel Queizás, para nen@s de entre 7 e 12 anos, e especialmente orientado a aquelas aulas nas que existan menores con diabetes nas etapas de Infantil e Primaria. Baixo o título de ‘Historias azuis. Integra a Diabetes na escola’, o CEIP Campañó inaugurou o pasado 6 de novembro estas sesións de contacontos, que tamén se desenvolveu o día 9 no CEIP Froebel e onte no Álvarez Limeses.

En paralelo, púxose a disposición dos colexios unha serie de recursos, como libros, vídeos e outras ferramentas adaptadas á situación actual, para que poidan traballar na aula.

O deporte entendido como actividade física saudable

A presidenta de Anedia destacou a importancia do apoio institucional dos concellos, “que son a administración máis próxima”, de cara a visibilizar a realidade e a actividade do colectivo, “neste caso con áreas como Benestar Social, Actividade Física e Saúde”, que como a Asociación, entenden “o deporte como actividade física saudable”. “Dende Anedia traballamos con deporte e alimentación, xa que non resulta sinxelo vivir contando hidratos de carbono, pero tamén no eido psicolóxico, e por este motivo organizamos as charlas a través de streaming coincidindo cos actos conmemorativos do 14 de novembro”, afirmou Mari Rego.

Pola súa banda, Daniel Benavides agradeceu “o labor impagable de Anedia” e aseverou que o CGTD “é un lugar seguro para a práctica deportiva, xa que conta cuns excelentes protocolos”. “Sei que vai ser un éxito -asegurou o xefe provincial do Servizo autonómico de Deportes- e que temos a plena seguridade de que se vai practicar deporte dunha forma segura e ordenada”.