O Efecto PO2 implica aos nenos e nenas pontevedresas na loita contra o cambio climático

143
  • Os centros educativos contarán cunha unidade didáctica para traballar co alumnado do primeiro ciclo de primaria temas como a ecoloxía, a compostaxe e a xestión da auga 
  • O Concello tamén lanza a curtametraxe de animación infantil “Efecto PO2”, guionizada por Rodrigo Cota e animada por Jorge Costas

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías presentou esta mañá os materiais que vén de deseñar o Concello para implicar aos nenos e nenas pontevedresas na loita activa contra o cambio climático. Trátase dunha unidade didáctica, dirixida a alumnado do primeiro ciclo de primaria, e dunha curtametraxe de animación infantil dirixida por Rodrigo Cota e Jorge Costas, que acompañaron á concelleira na presentación.

Segundo explicou Gulías, estes materiais céntrase na idea de “que actúar localmente pode producir un cambio global e Pontevedra fixo ese traballo a pequena escala que está influíndo na loita contra o cambio climático xa desde antes que se falara de cambio climático”. Neste sentido, explicou que a través da estratexia Efecto PO2, ademais da promoción internacional, tamén “queremos dirixirnos ao público local porque todo o mundo é consciente de que Pontevedra é unha cidade especial pero moi poucas veces nos paramos a pensar en todos os procesos que cos que traballamos para que esta cidade sexa un paraíso, como dicía algún medio internacional”. 

O alumnado dos centros educativos pontevedreses disporá dunha unidade didáctica deseñada especificamente para coñecer o traballo realizado en Pontevedra en ámbitos como a ecoloxía, a compostaxe e a xestión da auga, así como os retos que están en marcha actualmente como o transporte a demanda. Os nenos e nenas que superen as actividades propostas na unidade didáctica serán recompensadas coa ‘tarxeta PO2’ e un diploma que, en palabras de Anabel Gulías “acreditará que os nenos e as nenas pontevedresas van á vangarda en loita contra o cambio climático e saben tamén recoñecer cales son os seus efectos”.

Curtametraxe

‘Efecto PO2’ tamén é o título da curtametraxe de animación infantil en tecnoloxía 3D guionizada por Rodrigo Cota, animada por Jorge Costas e dirixida por ambos os dous. Tanto Cota como Costas coincidiron en salientar que se trata dunha peza realizada “con moito mimo e moito traballo”. 

Rodrigo Cota asegurou que “o que máis nos gustou é que había unha mensaxe que dirixir  e que non era unha cousa promocional, senón que se trataba de aproveitar de que os nenos están moito máis concienciados no cambio climático”. Explicou que o peso do argumento recae na misión dunha nena que ve como o seu pai “pasa” de ter unha actitude positiva fronte ao cambio climático e que consigue convencelo para que mude os seus comportamentos individuais.

Neste sentido, a finalidade última da peza é a de animar á infancia a participar en accións reivindicativas en defensa da saúde do planeta, co lema «Pensa globalmente, actúa localmente», título e principal mensaxe da canción orixinal coa que remata a obra.

Colaboran na locución e poñendo voces á canción mulleres vencelladas á cultura pontevedresa coma Mariña Paz, vocalista de Furious Monkey, a cantautora Cora Velasco, a activista do animalismo Mar Seaxá a libreira Mercedes Corbillón, a actriz teatral Carmela Chaos, así coma a xornalista Susana Pedreira. A música orixinal é obra do compositor Cristian Franganillo con letra de Cota e Costas.