O aparcadoiro de Valdecorvos estará operativo esta fin de semana

124
  • Este novo aparcadoiro en superficie ten preto de 60 prazas e responde a unha demanda do comercio da zona leste da cidade

Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, visitaron esta mañá os últimos traballos de acondicionamento do novo aparcadoiro en superficie de Valdecorvos que entrará en servizo na xornada de mañá. O alcalde, que tamén estivo acompañado por dúas integrantes da directiva da asociación de comerciantes de Loureiro Crespo, María Diz e Ana Muiños, lembrou que este novo aparcadoiro foi unha demanda do comercio desta zona. Neste sentido, indicou que “esta asociación é moi activa, está preocupada pola dinamización do barrio, e o comercio local fai unha función de xerar cohesión social e o nós, na medida que podemos, atendemos as súas demandas”. 

Convén lembrar que o aparcadoiro de Valdecorvo conta con preto de 60 prazas distribuídas en dúas plataformas, en dúas alturas, con entrada pola rúa do Prado Novo e saída pola rúa das Fragas, para conectar directamente con Loureiro Crespo. “Este era un espazo complicado e ao final conseguiuse unha actuación da que estamos moi satisfeitos e que siginifica dar un servizo fundamental tanto  para os veciños como para a xente que se achega ao barrio facer compras ou outro tipo de actividades”, explicou Fernández Lores. O alcalde fixo fincapé en que a zona de Loureiro Crespo e O Castañal “está medrando moito e estamos neste momento ampliando os criterios de calidade urbana cara ao leste da cidade”.

O alcalde e o concelleiro tamén lembraron que ao aparcadoiro de Valdecorvos se lle sumará o proxectado nunha parcela de titularidade municipal na Parda, situada detrás da estación do tren, que abranque deste a rúa Otero Pedrayo e ata a rúa Tomás y Valiente.  Para o aparcadoiro de bordo da Parda estase neste momento realizando o proxecto técnico para a súa execución, así como para determinar a súa capacidade. Está previsto que esta parcela  conte con acceso para vehículos desde a rúa Otero Pedrayo e Entrevías  e, a maiores, se  habilite unha conexión peonil coa rúa Tomás y Valiente, na zona dos Xulgados.