Pontevedra retíralle a rúa a Xoán Carlos I, que pasará a denominarse Virxinia Pereira Renda

121
  • A concelleira de Cultura explica que se trata dun “exercicio de decencia e hixiene democrática” tras revelarse a “vida pouco edificante do Rei emérito e a perversa utilización do público para o beneficio privado” 
  • A nova placa do vial rezará “Virxinia Pereira Renda. Galeguista e garante do legado político e artístico de Castelao”

A concelleira de Cultura, Carme Fouces vén de anunciar que o Concello acorda iniciar expediente para a retirada do nome de Xoán Carlos I do nomenclator das rúas da cidade, propoñendo para o citado vial o nome de Virxinia Pereira Renda. “Virxinia Pereira representa a antítese do que é Xoán Carlos I, porque foi unha muller que antepuxo sempre o servizo ao país ao seu benestar, sacrificou o seu status social e todo o seu patrimonio para poñelo ao servizo dun ideario de dun soño” asegurou Carme Fouces.

A concelleira explicou que esta decisión chega tras as evidencias de que Xoán Carlos I “non é merecedor” de denominar unha rúa e que a retirada do seu nome “é un exercicio de decencia e hixiene democrática inaprazable”. Sobe este punto explicou que as denominacións honoríficas das rúas teñen por finalidade “expresar o recoñecemento a persoas que se significasen pola integridade, exemplaridade e honestidade na súa traxectoria vital, pola defensa dos valores democráticos e dos dereitos e das liberdades públicas, así como pola súa contribución á mellora material, social e cultural”. Criterios que, segundo argumentou Carme Fouces xa non se cumpren no caso do Rei emérito tras as revelacións xornalísticas sobre “a vida pouco edificante do Rei emérito e a perversa utilización do público para o beneficio privado”, a través “dos seus presuntos negocios ilícitos, das investigacións xudiciais sobre cantidades millonarias de diñeiro de dubidosa procedencia e sobre contas en bancos suízos”, ao que engadiu “o estrambótico episodio de fuga a un destino descoñecido, nun intento desesperado de salvagardar a desprestixiada imaxe do Rei e da Monarquía”. Fouces asegurou que “o Concello de Pontevedra non vai permanecer impasible diante de feitos de tan extrema gravidade” polo que, ademais da retirada do nome da rúa, tamén se lle retirarán todos os honores e distincións concedidos a Xoán Carlos I.

O inicio do expediente administrativo deste cambio de denominación foi anunciado por Carme Fouces como presidenta da Comisión de Cultura e avanzou que ademais de ser aprobado na propia Comisión tamén se votará en sesión plenaria. 

A concelleira de Cultura explicou que a proposta da nova placa da rúa incluirá a lenda “Virxinia Pereira Renda. Galeguista e garante do legado político e artístico de Castelao”.  Indicou que a proposta se fai “seguindo os criterios, aprobados polo Pleno, de feminización dos espazos públicos”. Neste sentido, asegurou que “desde o Goberno, estamos moi orgullosas da xusta homenaxe que lle rendemos a Virxinia Pereira” e lembrou que o Concello vén de conmemorar o 50 aniversario do seu pasamento coa edición da súa biografía a cargo da investigadora e xornalista Montse Fajardo. Mencionou ademais a loita de Virxinia Pereira para que a maior parte da obra de Castelao, así como a maior parte dos bens que compartiron, foran depositados no Museo de Pontevedra. “Era unha muller rexa e valente que perdeu todo menos a dignidade e que despois do pasamento do seu home, se converteu na máis firme defensora da súa obra e do seu legado político e artístico, que o franquismo intentou silenciar sen éxito” afirmou .