A campaña de agasallos solidarios de Nadal (en)Volve xa conta con 436 cómplices

47
  • No marco desta iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente quede sen agasallo nesas datas, Benestar Social e Meniños levan recibidos 393 cartas e 126 presentes

Dende a súa posta en marcha a principios de mes, a campaña solidaria (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social en colaboración coa Fundación Meniños, xa conseguiu a adhesión de 436 cómplices dos Reis Magos. No marco desta iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente quede sen o seu agasallo de Nadal, en apenas dúas semanas recibíronse 126 presentes e 393 cartas, o que, tal e como sinala o concelleiro socialista Marcos Rey, “pon unha vez máis de manifesto a solidariedade que sempre agroma nos pontevedreses á hora de axudar e de tentar facer felices aos máis vulnerables da nosa sociedade, máxime nestas datas e neste contexto tan sensibles”.

Non obstante, a campaña, que este ano se iniciou con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para tódalas persoas implicadas, ten confirmadas a emisión de 463 cartas. “Hai que lembrar -subliña o concelleiro de Benestar Social- que a principal novidade deste ano tan estraño é que só se entregarán as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo”.

Marcos Rey e Roberto Antón, da Fundación Meniños, animan aos cidadáns de Pontevedra a seguir sumándose a esta campaña “e, por suposto, a que os cómplices dos Reis Magos merquen os agasallos de Nadal nos comercios da nosa cidade”. 

Todos aqueles que queiran converterse en cómplices das súas Maxestades de Oriente deberán encher un formulario que poderán descargar no seguinte enlace: https://docs.google.com/forms/d/1UHod8agNX4aKqF7ZJLKKLzaO4X3UyTPvnuoS1S7DJOY/edit. Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros.

Para calquera dúbida, a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños estarán á disposición da cidadanía a través dos teléfonos de contacto 678 75 49 33 e 604 08 14 72.