O Concello solicita lombos no camiño escolar do colexio de Santo André de Xeve que proxecta a Xunta

25
  • Os departamentos de enxeñaría e arquitectura do Concello emiten informes sobre o proxecto da Xunta a petición da Axencia Galega de Infraestruturas.
  • Está previsto substituír o cruzamento de semáforos por unha glorieta con pasos de peóns e beirarrúas, crear unha senda peonil e ciclista dende o núcleo de Sobral e zonas de estacionamento na contorna do colexio.

Os departamentos de enxeñaría e arquitectura do Concello de Pontevedra veñen de emitir os respectivos informes ao proxecto “Fomento da mobilidade sostible. Senda na PO-223, treito O Couso-Sobral”, é dicir, a senda peonil e ciclista que a Xunta proxecta para unir o núcleo rural de Sobral co colexio de Santo André de Xeve, calmar e reordenar o tráfico na zona, e a contorna do colexio. Este proxecto o impulsa a Axencia Galega de Infraestruturas.

A proposta da Xunta executarase na intersección das estradas autonómicas PO-224 e PO-223 e ten previsto substituír o cruzamento actual das dúas vías por unha glorieta con catro pasos de peóns e beirarrúas. Tamén reordena a contorna do colexio creando un aparcadoiro para 29 turismos, amplía o estacionamento para autobuses, e crea novas prazas para profesores e traballadores do centro.

Fronte ao colexio (na PO-223) habilítase un carril especial con franxa lateral para parar e deixar aos alumnos sen acompañamento, e proxéctase unha senda peonil e ciclista pola marxe dereita da PO-224, dende o novo estacionamento proxectado ao lugar do Sobral.

Segundo as consideracións técnicas do Concello de Pontevedra, a senda peonil e ciclista que ten previsto un ancho de 1,80m, non se estima suficiente para conxugar os tráficos peonís e ciclistas; pero especialmente fan fincapé na necesidade de que os pasos de peóns proxectados sexan sobreelevados. No proxecto non se fai referencia a esta posibilidade pero entenden os técnicos municipais que “non distorsionan moito o réxime de circulación dos vehículos nas estradas, e melloran moito a seguridade e comodidade dos peóns e ciclistas non deportivos e usuarios do colexio”.

Ademais, tamén se lles lembra que a zona dispón de servizos soterrados como abastecemento de auga potábel, saneamento, iluminación ou telefonía que deberán repoñelos ao seu estado orixinal no remate da obra.