As pontes da cidade estrearán iluminación ornamental este Nadal

15
  • As obras para a instalación desta iluminación na ponte das Correntes, na ponte dos Tirantes e na ponte peonil da Illa das Esculturas comezarán esta semana e terán unha duración dun mes
  • Este contrato, cuxo orzamento ascende a 430.000 euros, fora suspendido por mor da Covid

Anabel Gulías informou esta mañá de que ao longo desta semana se retomarán as obras para instalar a iluminación ornamental en tres pontes da cidade: a ponte das Correntes, a ponte dos Tirantes e a ponte peonil da Illa das Esculturas. Trátase dun contrato que ten un prazo de execución dun mes polo que, asegurou “se todo vai ben, neste Nadal estrearemos nova iluminación nestas tres pontes de Pontevedra que se sumarían á iluminación da ponte do Burgo”.

A portavoz do Goberno lembrou que este contrato fora suspendido por mor da Covid, posto que a empresa adxudicatara Setga tiña dificultades para que os provedores lle fixesen chegar en tempo as pezas necesarias para cumprir os prazos esixidos. 

Tras un informe do director xeral de Mobilidade no que recolle que xa desapareceron os motivos que provocaron a suspensión temporal dos traballos trala normalización da fabricación e subministro de compoñentes electrónicos, acórdase o levantamento da mencionada suspensión temporal das obras e dáse luz verde a uns traballos que contan cun orzamento de 430.000 euros. 

Traballos incluídos neste contrato: 

  • A iluminación da Ponte das Correntes disporá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable para agochalas, con control único programable (cor, acendido). 
  • A ponte dos Tirantes irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais), e tamén se iluminará o taboleiro. 
  • A pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.