O Concello concede licenza para a rehabilitación dun pavillón de vivendas militares

29
  • Está situado na rúa Rosalía de Castro e permitirá acondicionar 8 vivendas nunha superficie total de máis de 1.000 metros cadrados e cun orzamento que supera o millón de euros
  • Tamén se concede licenza para un novo edificio de 16 vivendas no barrio do Burgo, entre a avenida da Coruña e a rúa da Santiña

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a concesión de licenza urbanística para a execución de obras de rehabilitación e desdobramento de vivendas nun dos pavillóns do Instituto de Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa (INVIED) na rúa Rosalía de Castro. Trátase dunha licenza que permitirá realizar as obras necesarias para rehabilitar o edificio e desdobrar as 4 vivendas actuais de dous pisos cada unha, en 8 vivendas, situando 4 en cada un dos dous andares do pavillón. 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías asegurou que a rehabilitación deste edificio “supón unha moi boa nova para a zona e unha moi boa nova para a cidade”, no sentido de que “este tipo de licenzas vai contribuír a que esta zona estea máis coidada, máis vivida, e que teña un dinamismo propio da cidade”. Gulías lembrou que o Concello e o INVIED está tramitando o convenio urbanístico, actualmente en fase de exposición pública, que permitirá darlle un novo uso a toda a área de vivendas militares comprendida entre a avenida María Victoria Moreno e as rúas da Tablada, Manuel del Palacio e Xeneral Rubín. Precisamente a comunicación prevista entre Manuel del Palacio e Rosalía de Castro quedaría situada fronte ao pavillón que se vai rehabilitar.

O pavillón para cuxas obras se concede licenza, é o terceiro dos situados na esquina entre a avenida María Victoria Moreno e a rúa Rosalía de Castro. A súa superficie total construída é de 1.027,26 metros cadrados, dos cales 701,24 metros cadrados son de superficie útil; o orzamento de contratación ascende a 1.002.823,09 euros e o prazo aproximado de execución é de 7 meses. 

Licenza edificio na avenida da Coruña

Na mesma sesión da Xunta de Goberno local aprobouse tamén a concesión de licenza urbanística para a construción dun edificio de 16 vivendas, con fachadas á avenida da Coruña nº 23 e á rúa da Santiña nº 12. 

Un novo edificio nunha zona que Anabel Gulías cualificou como “moi importante neste mandato” por canto se están realizando actuacións municipais de cara a mellorar os estándares de calidade urbana neste barrio. Así, mencionou as recén rematadas obras de urbanización e reacondicionamento da circulación na avenida da Coruña e do proxecto de reforma da rúa da Santiña que está a piques de facerse público. 

Sobre o proxecto da rúa da Santiña avanzou que xa está rematado e enviado a Patrimonio e que en canto conte cos informes e permisos correspondentes se abrirá o procedemento de contratación.