- Esta mañá tomaron posesión das súas prazas 14 novas e novos funcionarios de carreira, 5 por quenda libre e 9 por promoción interna
O alcalde e a concelleira de Persoal, Carme Fouces, déronlle a benvida esta mañá ás e aos 14 funcionarios de carreira que tomaron posesión das súas prazas. Na súa intervención, Miguel Anxo Fernández Lores fixo referencia á responsabilidade que neste momento supón ser funcionario asegurando que “é necesario un esforzo para dar resposta ás necesidades que nos demanda a sociedade”.
Destas 14 prazas, 5 corresponden a quenda libre (2 de administrativo, 1 de auxiliar, e 2 de bombeiros) e 9 corresponden a promoción interna (3 de administrativo, 3 de auxiliar, e 3 de policías).
Pola súa banda, a portavoz do Goberno, Anabel Gulías tamén se referiu a esta toma de posesión asegurando que “vén a finalizar un proceso que se leva a cabo durante os últimos meses de modernización da Administración local, xa que a ninguén se lle escapa que os recursos humanos son importantísimos para ofrecer un servizo público moderno e de calidade”.
Indicou ademais que “neste caso tamén interesaba completar certas plantillas que por mor da Covid teñen que enfrontarse coa xestión diaria da pandemia, como son bombeiros e policías”, ao tempo que anunciou que “será no primeiro semestre do 2021 cando continuemos co proceso de completar plantillas e sacar máis prazas”.
Por último aproveitou para parabenizar ao Servizo de Persoal por “ser quen de sacar adiante estes procesos selectivos tendo en conta as circunstancias da Covid, polo que merecen un especial recoñecemento”.