A Xunta de Goberno aproba solicitar formalmente á Deputación a sinatura do convenio para a construción do novo campo de fútbol de Salcedo

148
  • En base ao acordo de colaboración proposto, a institución provincial lle outorgaría á Administración local unha subvención polo custe total do proxecto, cuxo orzamento supera os 1,6 millóns de euros

O Concello de Pontevedra continúa a dar pasos firmes para que o novo campo de fútbol de Salcedo sexa realidade no vindeiro ano. Despois de que o pasado 23 de outubro dese o visto bo á recepción dos 14.800 metros cadrados de terreo cedidos pola Mancomunidade de Montes nas inmediacións das instalacións da Brilat, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá solicitar formalmente á Deputación a sinatura do convenio de colaboración polo que a institución provincial lle outorgaría á Administración municipal unha subvención polo custe total do proxecto, cuxo orzamento base de licitación ascende a máis de 1,6 millóns de euros.

Segundo aclara o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “aínda que o borrador do convenio xa lle fora remitido á Deputación de xeito informal, hoxe procedeuse a aprobar á realización dunha petición formal por parte do Concello, polo que agardamos que a sinatura se poida producir nas vindeiras semanas”. O edil socialista lembra que o seu departamento xa recibiu autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) para levantar as futuras torres de iluminación do campo (que terán unha altura de 24,61 metros) e un informe positivo do arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, en relación aos petróglifos situados nas proximidades da parcela, “quedando pendente os permisos do Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia”.

No que atinxe á autorización de Defensa, os terreos nos que se construirá o campo de fútbol eran empregados antigamente como campo de tiro (motivo polo que se atopan explanados), se ben unha sentenza xudicial ditaminou que en realidade a súa titularidade pertencía aos comuneiros.

O futuro terreo de xogo, deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera (de Santos y Mera Arquitectos SLP) e Gustavo Pérez, terá unhas dimensións de 100×58 metros e o pavimento de herba artificial deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións homologables pola FIFA. O proxecto plantexa un conxunto de novas edificacións que integra tódalas instalacións que require o terreo de xogo, catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para árbitros, almacéns e unha bancada elevada.