O Mes da Memoria continúa esta semana coa proxección do filme ‘Nación’

35
  • Trátase da longametraxe de Margarita Ledo, rodada en Ponte Sampaio, que recolle a historia das mulleres traballadoras da fábrica de louza A Pontesa 
  • Só se poderá asistir á proxección previa reserva, que deberá realizarse o xoves 19 a partires das 10h no teléfono 986852271 e no mail inscricions@pontevedra.eu

O xoves día 19 de novembro ás 10h da mañá abrirase o prazo para que as persoas interesadas en asistir á proxección do filme ‘Nación’ poidan reservar a súa praza. Cada persoa poderá reservar un máximo de 2 butacas no teléfono 986852271 ou no mail inscricions@pontevedra.eu, indicando nome, apelidos e teléfono de contacto. A proxección será no Teatro Principal o venres 20 ás 20h e contará coa presenza da súa directora, Margarita Ledo, que se encargará de presentar o filme e a historia que narra.

Este sistema de reserva actívase por mor das restricións sanitarias vixentes que, nesta ocasión, só permiten poñer a disposición do público un total de 25 prazas, polo que as reservas se contabilizarán por estrita orde de entrada de mails e chamadas telefónicas.

A proxección deste filme forma parte dos actos programados desde a Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, para conmemorar ao longo de todo o mes de novembro o denominado ‘Mes da Memoria’. Así, nesta terceira semana chega a Pontevedra o filme ‘Nación’, da cineasta Margarita Ledo, que se estreou oficialmente a semana pasada no Festival de Sevilla onde foi galardoado co Premio á Mellor Dirección. 

‘Nación’ foi rodada en Ponte Sampaio e versa sobre a loita antipatrialcal das mulleres que traballaron na fábrica de louza A Pontesa, en activo entre 1961 e 2001. Un período que que atravesa tanto mudanzas políticas como do sistema capitalista; e que se narran desde a óptica das dificultades e atrancos das mulleres no acceso ao traballo asalariado. 

A proxección deste filme, chega despois do acto sobre a Pontevedra Exiliada, celebrado tamén no Teatro Principal, e tras a tradicional homenaxe aos 10 pontevedreses asasinados na Caeira o 12 de novembro. O ‘Mes da Memoria’ rematará a vindeira semana coa inauguración dun panel explicativo sobre Josefina Arruti na rúa que leva o seu nome, e coa presentación no Culturgal dun cómic sobre a súa vida, realizado por Kiko Dasilva e titulado ‘Os berros da motocicleta”.