Tino Fernández pon en marcha un proxecto para rehabilitar a pista do Pavillón dos Deportes

110
  • Unhas catas que realizará unha consultora técnica mediante cámaras endoscópicas permitirán coñecer o estado das capas máis profundas, moi afectadas pola acumulación de humidade
  • A Concellería de Deportes destinou 18.000 € á redacción do proxecto básico e de execución da obra e á asistencia técnica da dirección dos traballos, contratadas ao arquitecto José Garitaonaindía

Unhas catas mediante cámaras endoscópicas permitirán coñecer o estado no que se atopan as capas máis profundas da pista do Pavillón Municipal dos Deportes, cuxa madeira se atopa nestes momentos en mal estado de conservación por mor da acumulación de humidade. Esta intervención forma parte dun proxecto impulsado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para a rehabilitación do pavimento deste espazo deportivo, que foi contratado ao arquitecto José Ramón Garitaonaindía de Vera cun orzamento inicial de 18.000 euros e que abrangue a redacción do proxecto básico e de execución da obra e a asistencia técnica da dirección dos traballos.

O edil socialista constata que “á marxe das goteiras e filtracións de auga que se teñen producido nestas instalacións, hai que lembrar que o Pavillón dos Deportes se atopa nunha zona de marisma da Xunqueira de Alba, o que derivou en condensacións e humidades que sen dúbida afectaron ás capas inferiores da pista”. “É necesario facer unhas catas para coñecer o estado desas partes máis profundas, que non estaban debuxadas con demasiado detalle nos planos orixinais de Alejandro de la Sota consultados pola Oficina Técnica de Arquitectura (OTA) do Concello. Para realizalas -sinala Tino Fernández- faranse catro ou cinco buracos cun taladro en diferentes puntos da pista e introducirase unha cámara endoscópica que permitirá ver o grao de deterioro”.

Segundo apunta o arquitecto municipal Ángel Velando, xefe da OTA, esta análise mediante catas, que José Garitaonaindía encomendou a unha firma especializada (Refuerza Consultoría Técnica), “permitirá definir que tipo de intervención se terá que levar a cabo para tratar as humidades e repoñer o pavimento da pista deportiva”.

Novas porterías de balonmán

Esta non é a única novidade que as últimas semanas do ano traen consigo para o Pavillón dos Deportes, xa que o Municipal tamén verá melloradas as súas instalacións grazas a unha proposta que o concelleiro de Deportes asinou hai uns días para a subministración de novas porterías de balonmán. A contratación foi efectuada á empresa Medulio Servicios y Obras SL cun orzamento de 3.214 euros.