A campaña SUMA tamén chega aos concesionarios

13
  • Representantes de catro concesionarios participaron esta mañá nun encontro co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, o director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, que lles informaron sobre a nova normativa

O departamento de Mobilidade e a Policía Local mantiveron esta mañá un encontro formativo con representantes de catro concesionarios da cidade para informarlles sobre a nova Ordenanza de mobilidade Amábel e espazos públicos do Concello de Pontevedra, e sobre a campaña informativa SUMA (Súmate á Mobilidade Amábel) que emprega o Concello para difundir o contido desta nova norma. Na sesión participaron os concesionarios das marcas Renault, Fiat, Audi & Volkswagen, e Gallardo Automóviles.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, acompañado do director xeral de Emerxencias, Daniel Macenlle e do xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, dirixiuse aos concesionarios lembrándolles que “Pontevedra ten un índice de motorización moi elevado” e que, neste sentido, “o coche ten que ser un aliado na construción da cidade do futuro”. 

Na reunión tamén abordaron as dúbidas que xurdiron entre os representantes destes concesionarios e ofrecéronlle documentación e información sobre a norma ordenanza. Este encontro formativo forma parte dunha serie de sesións que, desde o departamento de Mobilidade, se están mantendo con diversos colectivos implicados de xeito directo na difusión da nova Ordenanza, como son as autoescolas ou as tendas de bicicletas.