Iván Puentes prosegue a súa batalla contra os vehículos abandonados coa retirada de 15 coches das rúas de Pontevedra nestas últimas semanas

38
  • O concelleiro de Medio Natural constata que os coches foron recollidos por un guindastre de Automociones Catoira en presenza da Policía Local e tratados como residuos sólidos urbanos

Despois de impulsar a tramitación dun aluvión de expedientes e oficios relativos a vehículos abandonados nas vías públicas ao longo deste ano e de iniciar a súa progresiva retirada a inicios do pasado verán, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, segue a dar pasos implacables na súa batalla por acabar con estes residuos sólidos urbanos. Así, nas últimas semanas, o guindastre da empresa autorizada Automociones Catoira recolleu de diferentes rúas de Pontevedra en presenza da Policía Local outros 15 automóbiles, para proceder posteriormente ao seu correspondente tratamento e baixa no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico.

En concreto, Catoira retirou un Fiat Ducato e un Opel Astra abandonados no lugar de A Meán (nas proximidades do cemiterio); un Peugeot 206 e un Citroën ZX en Padre Fernando Olmedo; un Citroën C3 na rúa do Raxado; un Opel Astra no Depósito Municipal; un Daewoo Nexia nas inmediacións dos terreos de Tafisa (avenida de Bos Aires); un Ford Escort na rúa 12 de Novembro; un Peugeot 206 en Eduardo Pondal; un Opel Vectra na rúa Amado Carballo; un Citroën Saxo na rúa Martín Códax; un Ford Fiesta na rúa Ángel Amor Ruibal; un Suzuki Grand Vitara en Juan Bautista Andrade; un Audi A4 en María Victoria Moreno e un Seat Ibiza á altura do km. 85.85 da N-541.

Tal e como lembra Iván Puentes, antes de que se puidese proceder á súa retirada da vía pública “foi necesario seguir uns procedementos administrativos de longo percorrido, xa que, nun primeiro momento, houbo que localizar e remitirlles un oficio aos propietarios dos vehículos para requirirlles que, no prazo improrrogable de 15 días, procedesen a retiralo ou a entregalo nun centro de tratamento autorizado ou instalación de recepción regulado; e posteriormente, despois de que non se dese resposta a este requirimento ou se presentasen alegacións, proceder á súa declaración como residuo sólido urbano”. “A empresa Automociones Catoira encargouse de retiralos, de tratalos e de emitir os correspondentes certificados de descontaminación e destrución”, indicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.