Un photocall con bolas de Nadal xigantes e unha árbore de seis metros poranlle a guinda á espectacular decoración do Mercado de Abastos

72
  • A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, agarda que o novo ‘attrezzo’ quedará instalado este venres “para que tódol@s pontevedreses/as poidan sacar as súas fotos de Nadal”
  • A socialista participou esta mañá na Praza de España na montaxe dun ‘foodtruck’ dende o que se desenvolve un ‘showcooking’ de elaboración de doces da canle Ponte Xogos TV

Un photocall con bolas de Nadal xigantes e unha árbore de seis metros de altura poranlle a guinda á espectacular decoración que a plataforma #PonteLovers, a través da Concellería de Promoción Económica, está despregar no Mercado de Abastos de Pontevedra. A edil socialista Yoya Blanco avanzou que “estes elementos de ‘attrezzo’ quedarán instalados nos accesos ás instalacións da rúa Serra este venres 4 de decembro para que tódol@s pontevedreses/as poidan sacar as súas fotos de Nadal e, de paso, queden a facer as súas compras na Praza municipal”. “Estou convencida de que vai encantar, porque é impresionante”, asegurou a concelleira.

A decoración de Nadal do Mercado é o resultado da colaboración do Concello con tres empresas especializadas: Global Setup, Inbloom e Oroinciensoymirra. A intervención inclúe a ornamentación das columnas da entrada principal con elementos vexetais típicos do Nadal, eucaliptos variados verdes e vermellos, abetos, cedros e ilex vermellos; a colocación de grilandas sobre estrutura de aceiro ao longo de tódolos postos de peixe (uns 14 metros de grilanda); a decoración das columnas da zona superior con elementos vexetais e uns 18 metros de grilanda; a instalación de 10 bolas de espello de 40 centímetros de diámetro, 4 bolas de espello de 30 centímetros e unha bola de espello dun metro, e a súa iluminación con 24 proxectores de luz Led. 

Asemade, vanse instalar, colgando do teito do Mercado, unha esfera de Nadal metalizada de cor vermella dun metro de diámetro, cinco esferas metalizadas vermellas de 80 centímetros, sete de 50 centímetros, cinco de 60 centímetros e 40 bolas vermellas de 200 milímetros. 

“Entre mañá e o venres, como colofón destes traballos decorativos tan incribles, quedarán colocados tamén unha árbore de Nadal de seis metros de altura con decoración personalizada e un photocall xigante composto por dúas bolas de Nadal en PVC en cor vermella (unha bola de dous metros de diámetro e outra de 1,5). As bolas irán rotuladas co logotipo de O Mercado”, precisou Yoya Blanco.

Arrinca Ponte Xogos TV cun ‘showcooking’

Como antesala da programación online que se despregará no marco do programa Ponte Xogos 2020, a Concellería de Promoción Económica está a desenvolver accións de promoción a pe de rúa, esencialmente a través da canle de televisión creada a tal efecto e bautizada como Ponte Xogos TV. A concelleira Yoya Blanco achegouse esta mañá ata a Praza de España para supervisar a montaxe dun ‘foodtruck’ no que se está a levar a cabo un ‘showcooking’ de elaboración de doces (magdalenas de plátano con chips de chocolate, galletas sen glute e brownies de doce de leite) e que se incluirá dentro do vídeo promocional do proxecto.

“Ademais de entrevistas á cidadanía a pe de rúa, achegaremos aos establecementos que estean interesado en participar unhas pegatinas cun código QR que enlazará coas redes sociais do programa. En breve presentaremos esta e outras iniciativas que se desenvolverán dentro dun programa Ponte Xogos que, pese ás circunstancias, non vai defraudar a ninguén”, afirmou Blanco.