Educación e SD Teucro pechan no Álvarez Limeses o seu ciclo sobre ‘Saúde, alimentación e actividade física’ con charlas impartidas a 762 alumn@s

67
  • O xogador teucrista Cahuê Herrera e a nutricionista Inés Martínez protagonizan os obradoiros de clausura do programa, orientado a nenas e nenos de 3º e 4º curso de Primaria
  • Tino Fernández lembra que o proxecto “fomentou hábitos saudables en A Xunqueira I, Vilaverde, Campolongo, Xeve, San José, Froebel, Cabanas, San Martiño, Campañó e Álvarez Limeses”

O CEIP Álvarez Limeses acolle dende hoxe e ata mañá as charlas de clausura do programa sobre ‘Saúde, alimentación e actividade física’, impulsado pola Concellería de Educación en colaboración coa SD Teucro e no que participaron unha decena de centros educativos de Pontevedra. As conferencias, que están a impartir Laura del Castillo, coordinadora dos cursos; Javier Domínguez, do departamento de Loxística do club; Inés Martínez, nutricionista, e Cahuê Herrera, xogador de División de Honra Prata Masculina, contaron esta mañá coa presenza do tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, quen aproveitou para facer balance dun ciclo de obradoiros que “fomentou hábitos saudables entre 762 alumn@s de 3º e 4º curso de Primaria”.

En concreto, o proxecto, no que tamén se implicaron outros xogadores do equipo teucrista como Marco Dzokic e Cristian Remeseiro, desenvolveuse durante o mes de decembro nos colexios A Xunqueira I, Vilaverde (Mourente), Parada-Campañó, Santo André de Xeve, San José, Froebel, Cabanas e San Martiño (Salcedo), e nas últimas semanas no CEP Campolongo e no CEIP Álvarez Limeses (o derradeiro grupo recibirá a charla mañá ás 12:15 horas). Tino Fernández saudou á rapazada de 3º de Primaria do Álvarez Limeses e fixo fincapé na importancia de “escoitar moi atentamente os consellos dos deportistas e dos profesionais que os asesoran para levar un estilo de vida saudable”.

Ademais de realizarse charlas duns 50 minutos de duración, a actividade tamén incluíu a distribución de kits de merenda saudable para os rapaces, de folletos informativos para as familias sobre alimentación e actividade deportiva e de guías para o profesorado. Tal e como subliñou o tenente de alcalde, “entre os obxectivos pedagóxicos do proxecto atópanse os de asociar a saúde coa mellora da calidade de vida, comprender a relación existente entre a saúde e a conduta alimentaria e a práctica de exercicio físico, adquirir habilidades para o autocoñecemento e a toma de decisións e amosar unha actitude crítica razoada fronte ás mensaxes que comportan hábitos pouco saudables, en particular os publicitarios”. 

Para o edil do PSOE, este ciclo de charlas forma parte das actividades estratéxicas que se veñen promovendo dende a Concellería de Actividade Física e Saúde para concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de manter hábitos de vida saudables para acadar un desenvolvemento físico e psicolóxico equilibrado, “entre eles unha boa alimentación e a realización de actividades físicas complementarias”.

Entrega de 260 mascarillas do programa ‘Enmascárate’

O concelleiro de Educación aproveitou a súa visita ao CEIP Álvarez Limeses para facer entrega dun lote de 260 mascarillas reutilizables de talla mediana, pensadas para o emprego de rapaces de Infantil e Primaria, e de 100 dípticos explicativos para o correcto emprego deste elemento de protección. Tal e como apuntou Tino Fernández, a distribución desta remesa de material enmárcase dentro do programa municipal ‘Enmascárte’, impulsado dende a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, que contempla o reparto dun total de 6.000 mascarillas e 1.100 dípticos entre os centros educativos de Pontevedra.

Trala entrega das mascarillas e os dípticos, os rapaces aproveitaron a ocasión para falar co edil socialista sobre os deportes que practican e consultarlle cuestións como se os tapabocas se poden volver empregar ou cantas veces se poden lavar antes de ter que botalas.