O proxecto básico de reforma da rúa da Santiña ascende a 1,8 millóns de euros

101
  • A intervención dotará esta rúa de plataforma única, cun pavimento que unificará toda a intervención, crearanse zonas de estancia e arborado, e renovarase toda a iluminación dando continuidade ao trazado urbano do Camiño de Santiago

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez presentou esta mañá o proxecto básico de rehabilitación integral da rúa da Santiña que ascende a 1.804.914 euros. O concelleiro explicou que tras o proxecto básico, realizado por Abalo e Alonso Arquitectos, se realizará o proxecto de execución de cara a iniciar a tramitación antes da primavera e poder executar a o bra a finais deste ano ou comezos do seguinte.

Demetrio Gómez lembrou que esta intervención “vai mellorar a calidade urbana da rúa e a calidade de vida dos veciños e das veciñas do Burgo” por unha banda, e que vai “completar o treito urbano do Camiño de Santiago e facer que Pontevedra siga sendo a cidade que mellor trata o Camiño” por outra. 

O concelleiro de Obras asegurou que este proxecto básico recolle o plan de necesidades que fora aprobado en asemblea veciñal e que, tras unha análise do espazo, os arquitectos foron capaces de “coser” os diferentes tramos da rúa de cara a unificar a intervención. Así, a grandes rasgos diferencian dous tramos: o primeiro, entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, cu carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, ata o cruzamento coa rúa da Gándara. De xeito máis detallado, tamén dividen o tramo sur noutros tres: o primeiro cun carácter urbano tradicional e algún edificio da segunda metade do século pasado; o segundo, cun carácter algo máis industrial pola presenza nos baixos de garaxes e locais de servizo; e o terceiro cunha parte oeste tradicional, con edificacións dunha altura en xeral, e unha parte este con edificios novos de tres ou catro alturas, aínda que cun certo ambiente de traseira da Avenida da Coruña.

Demetrio Gómez explicou que os principais elementos que se propoñen para “coser” os diferentes tramos da rúa son os seguintes:

  • Pavimento continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Será de formigón lavado cunha cor aínda por definir
  • Arborado: organizarase en función dos diferentes tramos da rúa pero dándolle un tratamento continuado de paseo e facendo máis brando o percorrido. Na parte máis próxima á ponte do Burgo está previsto que nos cruzamentos se planten árbores tipo liquidámbar; no seguinte tramo está prevista unha ringleira de ameixeiras púrpuras para suavizar a zona máis industrial da rúa, e xa de cara ao último treito prevese unha liña de árbores que remata nun conxunto árboreo onde se instalaría unha zona de estancia e, contra a zona máis rural, plantaríase unha ringleira de chopos.
  • Mobiliario: contémplanse varias áreas de estancia ao longo do percorrido por medio de bancos illados nas zonas máis estreitas e nos cruzamentos e con cadeiras illadas e un bando lineal baixo a nova zona de arborado que se creará. Tamén se inclúe unha zona de descanso no extremo norte e a conservación da fonte.
  • Alumeado: inclúe iluminación vertical a través de báculos illados ou suxeitos nas fachadas e sinalización de cortesía integrada nos bancos, nos muros e no chan.
  • Renovación dos servizos de saneamento, augas, soterramento do servizo de electricidade, así como de gas e telecomunicacións