Alta participación veciñal na asamblea para coñecer o proxecto de reforma de Rosalía de Castro

19
  • A convocatoria reuniu a 76 persoas, a través da plataforma zoom, que acolleron moi favorablemente o proxecto por dar solución ás necesidades actuais e mellorar a zona no seu conxunto
  • A reforma contempla un só carril de circulación, o acondicionamento do acceso á Casa do Mar, a creación de zonas verdes e un novo aparcadoiro de borde debaixo da ponte da autoestrada

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, explicou onte na asamblea en liña coa veciñanza da rúa Rosalía de Castro que todas as achegas que vaian xurdindo ao respecto da reforma do segundo treito desta rúa serán canalizadas a través da Asociación Mollavao Si. Na asamblea, que reuniu a 76 persoas e se desenvolveu nun clima cordial e colaborativo, o concelleiro dedicou máis de unha hora a responder as dúbidas que ían xurdindo en relación aos cambios que se introducirán na zona con esta actuación.

As principais preguntas estaban relacionadas coa renovación de servizos básicos, a canalización de pluviais na área máis próxima á ponte da autoestrada e o soterramento das liñas de telecomunicación, por tratarse de preocupacións localizadas actualmente neste vial. Tamén espertou un interese salientable a disposición dos equipamentos (pistas deportivas e aparcadoiro de bordo) que se prevén debaixo da ponte da autoestrada, aínda que Demetrio Gómez xa aclarou que neste punto o proxecto recolle a proposta máis acaída para que ningún trámite con outras entidades, como por exemplo Audasa, retrase o proceso administrativo.

Outras dúas cuestións que tamén centraron boa parte das intervencións foron a distribución dos usos do espazo público e os fluxos de circulación de vehículos, así como posibles actuacións de acondicionamento noutras rúas da área que, en principio, non serán incluídas neste proxecto por motivos orzamentarios. 

Convén lembrar que esta reforma do segundo treito da rúa Rosalía de Castro, cuxo orzamento ascende a 1.792.586 euros, ten por obxectivo mudar o carácter de estrada deste vial para convertelo nunha rúa cos mesmos estándares de calidade urbana que as demais rúas do centro da cidade. Entre as principais características destacan que a rúa terá un único carril de circulación (de saída da cidade), as beirarrúas levarán un tratamento de formigón similar ao utilizado na rúa Arzobispo Malvar ou na zona da ponte do Burgo que conecta coa avenida da Coruña, renovarase todo o alumeado e o mobiliario, e crearanse dúas áreas de estancia, unha diante diante do colexio Salvador Moreno e outra no entronque da rúa Rosalía de Castro coas rúas Licenciado Molina e Benito Vicetto. Ademais, dentro deste proxecto de reforma inclúese a reordenación da rúa Simón Bolívar ata a Casa do Mar e está previsto un tratamento específico para a zona situada debaixo da autoestrada, onde a área máis próxima a Rosalía de Castro se convertirá nunha zona verde que desembocará nun novo aparcadoiro de borde, situado onde está actualmente o parque de educación vial.