Anabel Gulías: “Queremos que a Casa Consistorial sexa un equipamento solemne pero usable”

21
  • O anteproxecto de rehabilitación soluciona a accesibilidade coa colocación dun elevador interior, sen interferir con ningún elemento patrimonial do edificio
  • A proposta foi elaborada por ‘u+a arquitectura’ e elixida de entre as enviadas por cinco estudos de arquitectura de referencia en materia de rehabilitacións

“A filosofía é crear un equipamento solemne pero usable e que estea á altura da cidade de Pontevedra”, así definiu a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, o obxectivo do proxecto de rehabilitación e mellora da accesibilidade da Casa Consistorial. A portavoz presentou esta mañá as principais características da rehabilitación no que afectan á colocación dun elevador para salvar os problemas de accesibilidade e solucionar o que cualificou como “unha das grandes complicacións do proxecto”, e á recuperación do primeiro andar que será destinado fundamentalmente á celebración de plenos, actos relevantes da vida social da cidade e repcepcións institucionais.

Anabel Gulías asegurou que este proxecto “é francamente ilusionante”, ao tempo que “ambicioso” por canto permitirá “recuperar a casa de todos e de todas as prontevedresas e conseguir que este edificio sexa un equipamento aberto, versátil e flexible para albergar diferentes usos sen perder a solemnidade”. 

A primeira característica da proposta é que se recupera a fachada do edificio que dá á rúa da Alhóndiga como acceso funcional e de acceso diario tanto para traballadores e traballadoras municipais como para público xeral. Neste sentido, Anabel Gulías lembrou que a fachada da Alhóndiga fora “a fachada primixenia e antes da reforma de 1879 esa era a fachada que miraba á cidade antiga, que era a cidade tradicional, posto que por detrás aínda existía a muralla”. Unha vez habilitado o acceso diario por esta fachada, deséñase un vestíbulo na entrada que, cara a esquerda, da acceso a un elevador e, cara a dereita, a un aseo accesible e a unha sala de lactancia. Sobre o espazo reservado á colocación do elevador, Anabel Gulías salientou que a solución proposta non afecta a ningún elemento patrimonial do edificio, tal e como se solicitara no seu momento no plan de necesidades. Mentres, a porta de acceso da fachada que dá á praza de España quedaría reservada para actos formais e de relevancia institucional.

Na planta do primeiro andar, o espazo queda dividido en tres grandes franxas. Cara a fachada da praza de España situarase o salón de plenos que funcionará como un espazo multifuncional e con capacidade para acoller sesións plenarias, cerimonias de bebés e vodas, así como outros actos de relevancia da vida social e cultural da cidade. Anabel Gulías explicou que de cara a garantir esta funcionalidade se fará un esforzo especial en canto a mobiliario e almacenamento precisos, e que se concibe todo o espazo como  transformable e adaptable a diferentes necesidades, quedando unicamente como elemento fixo a cabina de telecomunicacións.

Cara a fachada da rúa da Alhóndiga está previsto que se sitúe o despacho do alcalde destinado ás audiencias e recepcións institucionais. Cara esa fachada tamén se sitúa, ao lado do despacho do alcalde, unha sala auxiliar para tarefas de protocolo e comunicación.  quedando cara o lado dereito espazo para unha sala de agarda e cara a esquerda sitúase o elevador e unha zona de almacenamento.

Anabel Gulías explicou que no proxecto de execución, que presentará o vindeiro mes, poderían introducirse pequenos axustes pero sen variar esta disposición básica dos espazos. Lembrou que esta proposta se corresponde co anteproxecto elixido entre os presentados por cinco estudos de arquitectura de referencia en rehabilitacións, dos que salientou “a alta calidade de todas as propostas e, especialmente, a da proposta gañadora, u+a arquitectura de Jorge Uña e Gracia Amandi”.