Yoya Blanco pon en marcha a segunda fase do Plan Reinicia Turismo cunha sesión de psicoloxía empresarial a cargo de Iago López Roel

40
  • A concelleira de Turismo constata que as mentorías desenvolvidas pola consultora Albur Atlántico inícianse con 28 empresas, “das que 13 non participaran na primeira fase do proxecto”

A consultora Albur Atlántico celebrou esta mañá por vía telemática a primeira das mentorías programadas na segunda fase do Plan Reinicia Turismo, o proxecto impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para mellorar as estratexias e competitividade das pemes do sector turístico neste contexto de pandemia. A sesión inaugural estivo protagonizada polo pontevedrés Iago López Roel, doutor en Psicoloxía, que abordou algunhas das ferramentas que se poden empregar para mellorar a Xestión da Incerteza, Crenzas e Confianza.

Segundo explica a concelleira Yoya Blanco, “esta charla é o primeiro paso para orientar aos participantes na concreción dos seus obxectivos e desenvolvemento persoal, poñer o foco nos xeitos de reinventarse e adaptarse a esta nova situación e encamiñar o seu traballo cara á seguinte mentoría, que versará sobre a Xestión do Estrés e a Organización do Tempo”. A socialista constata que “a falta de que poidan producirse novas incorporacións, esta segunda fase do Plan Reinicia Turismo púxose en marcha con 28 empresas (na primeira inscribíranse 25), 13 das cales non participaran na anterior e varias delas con máis dunha persoa inscrita”. 

“Entre as pemes que toman parte neste proxecto inclúense axencias de viaxes, turoperadores, aloxamentos turísticos, restaurantes, bares, cafeterías, centros de visitantes e información e empresas dedicadas a actividades turísticas complementarias. Algunhas das empresas que participaran na primeira fase non puideron continuar por situacións de cesamento de actividade e ERTE”, apunta a concelleira responsable de Promoción Económica e Turismo.

Tal e como sinala Yoya Blanco, o Plan Reinicia Turismo busca fomentar a conciliación e facilitar que os participantes poidan acceder ás mentorías igualmente no caso de non poder asistir en vivo no horario establecido (decídese en base ao que máis conveña aos inscritos), polo que “se lles ofrece acceso a unha plataforma dixital creada durante a primeira fase do programa”. 

Márketing Dixital, Imaxe de Marca e Dereito para a Empresa

As mentorías respostan ás necesidades e áreas de traballo que as empresas fixeron chegar á consultora Albur Atlántico durante o proceso de avaliación da primeira fase: ademais da Psicoloxía Empresarial (o sector manifestou abertamente a necesidade de apoio e acompañamento neste eido debido ao desgaste e o cansazo persoal e profesional motivado pola Covid-19), o Márketing Dixital (para impulsar novas formas de venda e chegar a novos públicos con ferramentas que substitúan á dinámica habitual), a Imaxe de Marca e Fotografía Empresarial e o Dereito para a Empresa (aplicación normativa, impacto, fiscalidade e, sobre todo, materia laboral e ERTE).

Aínda que nas sesións se xera un espazo de comunicación e debate sobre cada temática, tamén se celebrará unha sesión de unión e networking para fomentar un ambiente de colaboración e a sinerxía das empresas turísticas da cidade do Lérez. “Somos conscientes -afirma Yoya Blanco- de que as pemes do sector turístico se atopan inmersas en diferentes procesos de adaptación, cesamento de actividade, ERTE ou reorganización empresarial, e dende a Concellería de Promoción Económica e Turismo queremos dotalas de medios, ferramentas e capacidades para mellorar a súa competitividade e garantir que continúan coa súa actividade. As alianzas empresariais, a formación e as sinerxías son o mellor camiño para lograr un sector turístico local máis forte, solvente e, sobre todo, máis unido”.

Aquelas pemes interesadas en inscribirse no Plan Reinicia Turismo ou que desexen resolver dúbidas poden dirixirse á dirección de correo electrónico administracion@alburatlantico.com.