O parque forestal da Tomba xa está a disposición da veciñanza de Pontevedra

36
  • Nunha superficie de 82 hectáreas habilitáronse dous miradoiros, plantáronse ao redor de 20.000 novas árbores, e instaláronse paneis informativos que inclúen o sistema Braille
  • Actualmente estase traballando no estudo, recuperación e sinalización dun petróglifo situado na área do parque forestal

Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá o remate das obras do parque forestal da Tomba, achegándose ata os dous miradoiros habilitados e ata o lugar no que se atopa o petróglifo que se está estudando e recuperando de cara a súa sinalización e posta en valor. O alcalde estivo acompañado nesta visita pola concelleira Pilar Comesaña, polos concelleiros de Montes e de Patrimonio Histórico, Alberto Oubiña e Xaquín Moreda, polo presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez, e por persoal técnico da empresa adxudicataria dos traballos, Elsamex. 

O alcalde aproveitou para agradecer, unha vez máis, a disposición da Comunidade de Montes de Campañó pola cesión das 82 hectáreas de monte que conforman este parque forestal. Fernández Lores lembrou que este proxecto entra na filosofía de “poñer en valor os montes periurbanos e permitir que os cidadáns de Pontevedra poidan usalo, coñecelo e desfrutalo durante todo o ano e iso só é posible porque a Comunidade de Montes fixo esta cesión”. 

Fixo un repaso polos traballos realizados, que consistiron na eliminación, sen utilizar medios químicos, de especies invasoras como o eucalipto e as acacias e a plantación de preto de 20.000 novos exemplares de especies autóctonas: 9.000 castiñeiros, 5.000 carballos e 4.500 oliveiras. Estas plantacións, que aínda están agromando, están identificadas con paneis que inclúen o sistema Braille. Neste sentido, o alcalde asegurou que nun período de 2 a 4 anos “poderemos ver o cambio deste monte” para o que, ademais, de cara ao futuro se contratará un mantemento contínuo que inclúa labores de limpeza e contención de invasoras. 

En canto aos dous miradores, un deles con acceso rodado e outro só con acceso peonil, ambos ofrecen vistas sobre a cidade e a contorna e contan con paneis que identifican os principias puntos de interese que se ven desde cada localización. Este espazo, xunto coa a Fracha e o Pontillón do Castro “ofrecen ao redor de Pontevedra uns espazos naturais que podemos desfrutar deles e esperemos que isto sirva para mellorar a calidade da vida” asegurou o alcalde.

Recuperación do petróglifo

O petróglifo de ‘Monte da Tomba 3’ está localizado dentro do espazo do parque forestal pero no límite do linde co Concello de Poio e foi recentemente inventariado pola Xunta, concretamente en decembro de 2018. ”Tivemos a sorte de que no extemo da parque lindando xa coa Comunidade de Montes de San Salvador de Poio apareceu este petróglifo e que unha vez estudado polo arqueólogo municipal e polas empresas de arqueoloxía colaboradoras se está xeolocalizando e facendo un levantamento en 3D para ver tamén exactamente cales son todos os achádegos que hai” explicou Miguel Anxo Fernández Lores.

O alcalde indicou que este petróglifo supón “un valor engadido ao parque forestal da Tomba porque a parte de pasear e ver as vistas podemos coñecer tamén o noso patrimonio etnográfico”. Os traballos que se están realizando están encamiñados a definir o contorno das rochas gravadas, sinalizar e instalar un panel explicativo, e instalar un peche perimetral de madeira.

Deste xeito melloraranse as condicións de conservación do petróglifo, evitaranse riscos de alteracións e porase en valor como un atractivo máis para os visitantes do parque forestal. O rexistro dos gravados das rochas levarase a cabo por medio do emprego das técnicas máis innovadoras na documentación de arte rupestre, combinando a Fotogrametría Dixital de Obxecto Cercano xeorreferenciada e o escaneado 3D mediante Escáner Láser Terrestre, coas que se conseguirán ortoimaxes e un modelo 3D, que no seu postprocesado a través de técnicas de visualización avanzada permiten unha mellor identificación dos gravados na rocha, en comparación coas técnicas tradicionais.