Yoya Blanco recolle no Centro Ocupacional da Asociación Juan XXIII as Caixas Brancas que Turismo de Pontevedra levará a Fitur

11

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse esta mañá ata o Centro Ocupacional da Asociación Juan XXIII na rúa Eduardo Blanco Amor para recoller as primeiras dez Caixas Brancas, que Turismo de Pontevedra presentará o vindeiro venres 21 de maio no Ifema, na Feira Internacional de Turismo de Fitur. A edil socialista quixo coñecer en persoa a Fátima, Alicia, Ángel, Maite e Froila, “que son os autores destas fermosas Caixas, que son o resultado dun traballo feito con profesionalidade, dedicación e moito cariño, e que conterán o agasallo de Pontevedra aos visitantes que participen na xincana urbana virtual sobre a cidade: o libro ‘Pontevedra de corazón’, a camiseta coa marca cidade, un bolígrafo-usb que contén o vídeo da campaña, algunhas chapas e un chaveiro”.

“Hai que felicitalos a eles e á xerente da Asociación, Nuria Luque, polo este contedor máxico que eles seguirán a fabricar e que enviaremos ao domicilio dos viaxeiros e que tamén incluirá algún bono de restauración e hoteis, de cara a estimular o seu regreso a Pontevedra. É unha caixa que, como o resto da campaña, está elaborada con todo o corazón”, asegurou Blanco.

A concelleira de Turismo amosouse “máis ilusionada que nunca por levar o nome de Pontevedra a unha feira de Fitur que celebra o que probablemente sexa o ano máis crucial para o sector, cunha campaña moi potente que sen dúbida vai ser un éxito”. Ademais da Caixa Branca, entre os pratos fortes que Visit Pontevedra levará a Madrid atópanse o libro de destino ‘Pontevedra de corazón’, no que estamparon a súa sinatura recoñecidos xornalistas, escritores e deportistas da nosa cidade, e o vídeo promocional ‘O regreso dos seres extraordinarios’, realizado por Fernando Portela e protagonizado polas personaxes de fantasía de Pablo Mèndez Performances.

Os textos de ‘Pontevedra de corazón’ aparecen publicados en tres idiomas (galego, castelán e inglés), de xeito desordenado, de maneira que poidan lerse en función do azar e a paxinación, perseguíndose ese caos harmónico para diferenciar a publicación dun libro convencional. O libro, cuxas últimas páxinas inclúen textos descritivos dos recursos turísticos do seu municipio e arredores, supón un amplo despregue fotográfico composto por 90 orixinais de Javier Cervera, Beatriz Císcar, Emi Ramírez, Gustavo Santos, Daniel Abollo, Gustavo Marshall, Emilio Suárez, Cristina Saiz e Guillermo González.

Os textos do libro foron escritos por Alba Rodríguez Santos, Ana López, Alexander Vórtice, Álex Espiño, Belén López, Celestino Lores, Charo Castro, Diana López Varela, Eugenio Giráldez, Fina Casalderrey, Lydia Pérez Touriño, Liliana Casás, Mercedes Corbillón, Manel Loureiro, Manuel Jabois, María Varela, Miguel Anxo Fernández Lores, Pablo Dapena, Pablo Méndez, Rafa Cabeleira, Rafael López Torre, Rodrigo Cota, Rosanna López Salgueiro, Ramón Rozas, Serxio Barral, Serafín Alonso, Susana Fortes, Susana Pedreira, Xabi Fortes e Yoya Blanco.