A renovación da cuberta do refuxio de Os Palleiros acaba coas filtracións de auga que afectaban a varias das súas estancias

11
  • Os socialistas Tino Fernández e Marcos Rey visitan as instalacións de Campañó para supervisar o resultado das obras, nas que a Concellería de Benestar Animal investiu más de 16.000 euros

Os ‘peludiños’ que habitan no refuxio animal de Os Palleiros e as persoas que alí traballan xa non terán que preocuparse cando regrese o período de choivas grazas ás obras de reforma que permitiron acabar coas filtracións de auga na cuberta das instalacións de Campañó. A actuación foi executada pola empresa Edigrup Global SL, Obras e Servizos e supuxo un investimento de 16.319,39 euros por parte da Concellería de Benestar Animal, traducíndose na desmontaxe manual da deteriorada cuberta de chapa anterior, a colocación dunha estrutura auxiliar (cun tubo estrutural e a apertura de buracos en panel para a súa ancoraxe) e a instalación dunha nova cuberta inclinada de paneis tipo ‘sandwich liso’ de 30 mm de espesor e 1.150 mm de ancho, cunha pendente maior do 10%.

O bo resultado dos traballos, que tamén incluíron a dotación de canalóns e baixantes circulares de aluminio no exterior do edificio da protectora para favorecer a óptima recollida de augas pluviais, foi supervisado esta mañá polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e mailo concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, que estiveron acompañados pola responsable do colectivo Os Palleiros Raquel Bello. Rey amosou a súa satisfacción “por poder poñerlle solución a uns problemas de filtracións que se converteran nunha auténtica preocupación para as persoas que traballan no refuxio”. “Cada vez que se producían choivas de certa consideración -lembrou o edil do PSOE- a auga afectaba a espazos destinados á estancia de cadelas con cachorros, á recuperación de cans sometidos a intervencións cirúrxicas e ao illamento de animais enfermos, así como ao propio teito do quirófano, onde chegaba a entrar por unhas fisuras moi próximas á lámpada da mesa de intervencións. Esta situación non só afectaba á calidade de vida dos animais, senón que podía acabar por incidir directamente na súa saúde”.

Neste mesmo sentido, Tino Fernández incidiu na importancia de que “finalmente se lle dese a esta deterioración da cuberta da canceira, moi afectada polo paso do tempo e a climatoloxía, a solución definitiva e duradeira que precisaba”. O tenente de alcalde explicou que “o refuxio de Campañó acolle nestes momentos a un total de 63 cans” e salientou “o bo ritmo de adopcións que está a rexistrarse neste complicado ano, con entre 12 e 15 adopcións ao mes”. “En breve -avanzou o socialista- imos presentar un programa complementario que permitirá que os novos donos dispoñan das habilidades e coñecementos necesarios para educar e coidar dos cans que acaban de adoptar”.