O Ganapán propón elaborar un gazpacho de amorodos e un banana split, viaxar polos planetas e confeccionar un lapiseiro-ourizo para esta finde

8
  • As inscricións no programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica poderán realizarse ata as 16:00 horas do día anterior á celebración das actividades
  • Yoya Blanco lembra que os nenos de 4 a 10 anos poderán reservar praza a través do correo oganapan@gmail.com e que os talleres realizaranse en 2 sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Mercado de Abastos de Pontevedra, regresa esta fin de semana cun Espazo Gastro moi refrescante e doce, no que os máis pequenos aprenderán a elaborar un gazpacho de amorodos e un banana split, e un Espazo Crea no que se confeccionarán uns orixinais lapiseiros con forma de ourizos bicudos e se viaxará a través dos planetas. Todos aqueles nenos e nenas de 4 a 10 anos interesados en participar nos talleres xa poden reservar a súa praza a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, pechándose as inscricións ás 16:00 horas da xornada anterior á celebración dos obradoiros.

Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “unha vez máis, as actividades desenvolveranse en dúas sesións diferentes, con horarios de inicio ás 11:00 e ás 12:30 horas”. “Para abrir boca, e nunca mellor dito, o sábado 12 de xuño a rapazada aprenderá a elaborar unha receita fresquiña, nutritiva e orixinal, que presta moitísimo coa chegada do bo tempo, como é un gazpacho de amorodos. Dado que no Ganapán somos moi lambóns e ademais encántannos as froitas, o domingo 13 de xuño preparán unha sobremesa doce, rica e saborosa: un banana split. Que ninguén se olvide de traer a súa friameira para levar a casa o que cociñen”, subliña a socialista.

Yoya Blanco explica que “no que atinxe ao apartado máis creativo, o sábado 12 está previsto un taller no que os nenos moldearán, con arxila, un lapiseiro moi especial, un ourizo bicudo divertido e moi orixinal para non perder os seus lapis”; mentres que o domingo 13 “poderán soñar con seren astronautas e flotar polo espazo exterior grazas a un fantástico planetario”.