- Os talleres desenvólvense durante este mes e consisten en sesións dunha hora, con dinámicas participativas, que buscan reducir os accidentes motivados por substancias e condutas aditivas
- Durante unha visita á Autoescuela Teucro para asistir a un dos obradoiros, Tino Fernández e Marcos Rey alertaron do aumento de accidentes por distraccións motivadas polo uso do móbil
O Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas, impulsado pola Concellería de Benestar Social en colaboración coa Consellería de Sanidade, está a desenvolver durante este mes de xuño en diversas autoescolas de Pontevedra o programa ‘Cambio de Sentido’, que traballa na prevención de accidentes de tráfico nos que interveñen o alcol ou outras substancias e condutas aditivas. Ao igual que nos últimos tres anos, a iniciativa está a incidir especialmente no uso do teléfono móbil cando se conduce, debido ao aumento das distraccións e, polo tanto, dos accidentes que se producen por este motivo.
“A Dirección General de Tráfico (DGT) indica que o perigo de usar o móbil durante a condución poder ser comparable ao de conducir baixo a influencia do alcol, xa que despois dunha conversa de minuto e medio, incluso cun sistema de mans libres, o condutor non percibe o 40% dos sinais, a súa velocidade media baixa un 12%, a frecuencia cardíaca acelérase bruscamente e tárdase máis en reaccionar”. Así o subliñou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, no marco dunha visita realizada á Autoescuela Teucro en compañía do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, para supervisar o desenvolvemento dun dos talleres do programa ‘Cambio de Sentido’.
A iniciativa consiste nun obradoiro dunha hora de duración impartido nas autoescolas da cidade, no que, a través de dinámicas participativas, búscase incrementar a percepción de vulnerabilidade persoal, reducir o número de accidentes viarios entre @s mozos/as nos que interveñen o alcol e outras drogas, promover actitudes e condutas máis seguras e responsables na condución e aumentar a percepción do risco asociada á condución cando se está a usar o móbil. Tal e como precisou Marcos Rey, “hai que agradecerlles ás nove autoescolas participantes (que son Sí Puedo, Ecovial, Ponte a Punto, Chaves, Tambo, Camba, Peregrina, Teucro e Cancela) a súa colaboración e disposición, xa que sen elas sería imposible realizar o programa”.
O edil de Benestar Social precisou que “este programa fundaméntase en que a morbilidade e mortalidade derivadas dos accidentes de tráfico constitúen un problema importante nas sociedades industrializadas, cun alto custe económico e humano e onde o denominado ‘factor humano’ é o principal responsable dos accidentes de tráfico”. Non obstante, tal e como precisou, “un estudo do Consello Europeo de Seguridade do Transporte (ETSC) publicado en decembro de 2019 sostén que en 2018 teríanse evitado polo menos 5.000 mortes se tódolos condutores estivesen sobrios”. “Tanto o alcohol como as drogas -salientou Marcos Rey- distorsionan a percepción do risco e xeran exceso de confianza. Tamén se perden reflexos, a visión empeora e é máis fácil distraerse. Os datos en España falan claramente: o 45,5% dos condutores falecidos nun accidente de tráfico sometido á autopsia en 2019 (254 de 588) deron positivo en alcohol, drogas de abuso e/ou psicofármacos, segundo o Informe de 2019 presentado polo Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses (INTCF, 2020)”.
Segundo sinalou Tino Fernández, “non podemos esquecer tampouco os perigos destas substancias para os peóns, pois dos 130 peóns mortos en 2019 aos que se lles practicou autopsia, case o 38% deu positivo en alcol, drogas de abuso e psicofármacos, nin a proliferación dos ‘peóns zombis’, é dicir, aqueles que camiñan distraídos usando o móbil, dándose situacións de perigo extremo cando cruzan a rúa sen asegurarse de que non se achegue ningún coche ou sen prestar atención aos semáforos, pero tamén na súa propia beirarrúa cando o carril bici está integrado nel”. Para o tenente de alcalde, “é de agardar que o risco de accidentes nestas situacións aumente, xa que coa electrificación progresiva do noso parque móbil, estes peóns non poderán notar a presenza do coche por audición, practicamente o único sentido que lles queda baleiro”.
Durante o taller desta mañá, os alumnos da Autoescuela Teucro tiveron ocasión de probar unhas gafas moi especiais, cunha tecnoloxía capaz de imitar os efectos que o alcohol, o cánabo e a marihuana teñen sobre os nosos sentidos, unha experiencia á que se sumou tamén o concelleiro Marcos Rey (poñéndose as de marihuana).