Os Xardíns que Falan súmanse ao Orgullo 2021 cunha bandeira LGBTIQA+ na Praza de Ourense e un photocall cunha suxerente instalación artística na Praza de España

21

Unha bandeira LGBTIQA+ formada con buxos multicor na Praza de Ourense e unha suxerente composición cun photocall no que pode lerse o lema ‘Para gustos, cores. Para xardíns, flores’, unha bicicleta e varios cestos con flores de cores na Praza de España conforman as suxerentes intervencións artísticas instaladas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para conmemorar o Orgullo 2021. Con estes chamativos arranxos florais, nos que moitos pontevedreses e turistas xa comezaron a facerse fotos durante toda a mañá, o proxecto Xardíns que Falan, impulsado polo departamento que dirixe Iván Puentes, súmase por segundo ano consecutivo ao programa deseñado pola Concellería de Igualdade para visibilizar con mensaxes e coas cores do arco da vella as reivindicacións do colectivo LGBTIQA.

O propio Puentes achegouse hoxe ata a Praza de España para comprobar o magnífico resultado da instalación artística e estrear o photocall co tenente de alcalde, Tino Fernández, a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey. O edil socialista lembrou que o proxecto Xardíns que Falan “púxose en marcha coa finalidade de converter algúns espazos da rede Verde Urbano en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, que exhiben reivindicacións, súmanse a festividades, celebracións e campañas e, sobre todo, fan reflexionar á cidadanía”. “As datas do Orgullo son sen dúbida un momento perfecto para que estes xardíns alcen a voz e luzan as cores LGBTIQA+, especialmente ante os crecentes e perigosos descursos de odio enarbolados pola dereita máis reaccionaria e asumidos por determinadas entidades”, sinalou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

En opinión de Iván Puentes, “con esta instalación e coas ‘Letras Coloridas’ que penden do balcón do Consistorio, un dos espazos centrais de Pontevedra, como é a Praza de España, converterase nestes días nun eixo de reivindicación do Orgullo, ao igual que os Xardíns de Casto Sampedro, emprazados noutro dos ámbitos máis visitados da cidade, entre as prazas da Ferrería e Ourense”. O edil do PSOE animou “a tódolos que pasen por estas zonas verdes durante as vindeiras xornadas a facerse fotografías, etiquetalas co hashtag #Orgullo2021Pontevedra, #OrgulloPontevedra e #XardinsqueFalan e inundar as redes sociais coas cores do arco da vella”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, indicou que o programa do Orgullo 2021 continuará mañá sábado ás 22:30 horas, coa celebración no Gastroespazo do Mercado de Abastos dunha das actividades máis agardadas do programa: os Vermús de Pinto e Maragota regresarán cunha noite de cabaré baixo o fascinante título de Farándula Incandescente, un espazo de xogo cos roles de xénero, diversidade e amor libre onde todo será posible, no que se estimularán tódolos sentidos e no que nada será o que semella ser. Un espectáculo sensual, mordaz, desenfadado, erótico, elegante e cheo de humor, que incluirá canto, striptease, danza, contacontos, monólogos, acrobacias, interpretación, transformismo… Unha viaxe chea de fantasía.

O martes 29 de xuño ás 20:00 horas, a Casa das Campás volverá ser escenario dunha nova charla, neste caso sobre o ‘Dereito á diversidade’. O activista LGBTIQA+ Fito Ferreiro, membro da executiva de ALAS A Coruña (colectivo do que é membro fundador) que vén de demandar á TVG por acoso laboral por mor da súa orientación sexual, e a xurista, activista trans e formadora en igualdade e diversidade sexo-afectiva Ada Otero, coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra, serán os protagonistas deste coloquio arredor da protección legal en situacións de acoso e discriminación por orientación sexual.