Volve a Festa dos Libros a Pontevedra coa colaboración de 14 librarías da cidade

89
  • Organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora, Libraría Paz e Seijas, terá lugar este venres, sábado e domingo, na praza da Ferraría
  • Presentacións, faladoiros, contacontos, sinaturas e actuacións musicais compoñen un programa de actividades pensado para todos os públicos

A praza da Ferraría acolle esta fin de semana –venres 2, sábado 3 e domingo 4– a cuarta edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello en colaboración con catorce librarías da cidade. “A Festa dos Libros é unha necesidade para todas as persoas que amamos os libros e a literatura e tamén para as librarías, que son espazos de cultura e de intercambio cultural cargados de tesouros” asegurou esta mañá a concelleira de Festas de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, durante a presentación desta cita, na que estuvo acompañada por libreiras e libreiros de Aviones de Papel, Cronopios, El Pueblo e Escolma. 

Durante estes tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros. Así, os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora, Libraría Paz e Seijas estarán abertos durante os tres días de 11.00 a 14.00 h e de 18.00 a 22.30 h e ofrecerán sinaturas de libros nos seus respectivos stands. 

Despois de ter que adiar a súa edición o ano pasado debido á pandemia da Covid-19, os libreiros e libreiras de Pontevedra volven sacar os seus libros á rúa na procura de lectores e lectoras. E fano acompañados dunha completa programación que abrangue a presenza de máis de setenta autores e autoras que participarán nunha vintena de actividades repartidas entre presentacións, faladoiros, mesas redondas, contacontos, sinaturas de exemplares,… e por suposto, como en toda festa, actuacións musicais.


Programa de actividades

O programa de actividades dará comezo o venres 2 ás 11.30 horas co contacontos ilustrado Xela Arias, amor pola lingua que Polo Correo do Vento levará a cabo para a cativada. Mediante a narración oral e o debuxo en directo repasaranse os aspectos máis relevantes da vida e obra da poeta homenaxeada nas Letras Galegas. De seguido, ás 13.00 horas, terá lugar o faladoiro sobre ilustración e banda deseñada que, baixo o título “Ilustrando o mundo”, contará coa presenza de Bea Gregores, Kiko da Silva, Susana Suniaga e Marcos Viso. 

A xornada vespertina comezará ás 18.30 horas cunha novidade na programación da Festa dos Libros: a creación dunha nova sección –que terá continuidade en vindeiras edicións– dedicada ao recoñecemento da traxectoria destacada dun autor ou autora. Nesta primeira ocasión a persoa homenaxeada será a escritora e xornalista Eva Mejuto. 

A continuación, chegará a quenda da escritora catalá de orixe marroquí Najat El Hachmi, Premio Nadal 2021 pola novela El lunes nos querrán (Ediciones Destino), unha historia emocionante e reveladora sobre a importancia de que as mulleres sexan protagonistas das súas propias vidas. Será ás 20.00 horas. 

Para finalizar o programa deste primeiro día, ás 21.30 horas desenvolverase outra nova sección, tamén con vocación de continuidade, na que diferentes autores e autoras que comparten unha mesma profesión, contarán ao público asistente, que lles animou e que supuxo dar o salto á literatura. Desta volta, Ana Cabaleiro, Lara Dopazo e Sara Vila falarán De xornalismo a literatura.


Conversas

O sábado 3, Paco Nogueiras traerá ás 11.30 horas (en formato adaptado á Festa dos Libros e con sinatura de exemplares incluída) o seu espectáculo Extra!, un divertido xornal musical para cantar e bailar baseado no libro-cd homónimo editado por Kalandraka Editora. Ás 13.00 horas, da man da Libraría Paz, celebrarase o encontro Enfiando lecturas, no que participarán Xesús Constela (narrativa: O peso do cerebro, Xerais), Zaida Novoa (banda deseñada/ilustración: Contigo na nube, Auga Editora), Xurxo Mariño (ensaio: Unha mente que voa, Xerais) e Silvia Penas (poesía: O resto é céu, Urutau).

Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, terá lugar a presentación das novidades editoriais de Helena Villar Janeiro A fuga de Guillermo e Alba (ambas de Editorial Galaxia), e de Inma López Silva, que presentará O libro da filla (Editorial Galaxia), polo que vén de recibir o prestixioso Premio da Crítica 2020, outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios, na categoría de narrativa en lingua galega.

A continuación, desenvolverase unha conversa sobre literatura e memoria na que participarán Berta Dávila con Illa Decepción (Editorial Galaxia), Montse Fajardo con A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira (Edicións do Cumio), Xesús Fraga con Virtudes (e misterios) (Editorial Galaxia) e Xabier Quiroga con O baile dos estorniños (Xerais). A actuación musical de Cora Velasco, interpretando o seu último traballo discográfico Sortilegios, pechará ás 21.30 horas o programa desta segunda xornada da Festa dos Libros.


Última xornada

O domingo 4 ás 11.30 horas, Rena Ortega presentará Bo Camiño, peregrino! (Edicións do Cumio), o seu terceiro álbum ilustrado cheo de cor, divertidos personaxes e dedicado ao Camiño de Santiago. Os máis cativos da casa descubrirán moitas curiosidades sobre a variante francesa do Camiño e mesmo que levar na mochila!

Ás 13.00 horas terá lugar a mesa sobre poesía Palabras que latexan na que o Premio Nadal e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Alejandro Palomas falará sobre Una flor. (Letraversal), unha obra que se presenta como un experimento poético con reminiscencias simbolistas no que os versos se suceden como reflexións, certezas e inquietudes sobre temas universais, matizados con pensamentos sobre o oficio do poeta e acerca do poema mesmo. Xunto a el, e conversando tamén sobre poesía e sobre os seus recentes poemarios, estarán Pilar García Rego con Humanario (Editorial Galaxia), un travelling polo máis evolucionado dos animais; e Lorena Conde con As puntas da louza (Aira Editorial), unha homenaxe ás mans que traballan e ás que traballan coas mans.

Ás 18.30 horas celebrarase un faladoiro dedicado a Xela Arias no que intervirán Yolanda Castaño, Xela quixo ser ela (Xerais), Laura Romero, Xela Arias. Palabra á intemperie (Baía Edicións), o editor Xulián Maure e o fillo da poeta, Darío Gil.

A continuación, ás 20.00 horas, falarase sobre Galicia como escenario de novela negra coa participación de Diego Ameixeiras con La noche del Caimán (Fondo de Cultura Económica, tradución ao castelán de A noite enriba, de Xerais), Pedro Feijoo con Un lume azul (Xerais), Manel Loureiro con La puerta (Planeta) e Arantza Portabales con A vida secreta de Úrsula Bas (Editorial Galaxia). 

O espectáculo Idioma da tinta porá ás 21.30 horas o broche de ouro a esta cuarta edición da Festa dos Libros. Nel, a voz da poeta Yolanda Castaño únese a unhas composicións orixinais de Isaac Garabatos nun envolvente diálogo entre música e poesía cargado de expresividade, emocións e sutil elegancia.


Sinaturas de exemplares

Ademais destes escritores e escritoras, outros moitos estarán na Festa dos Libros asinando exemplares dos seus libros nos postos das librarías, como Ledicia Costas, Francisco Castro, Miguel Rojo, Xurxo Lobato, Abi Castillo, Nee Barros, Xosé Cobas… por mencionar algúns nomes.

Ademais, organizada pola Libraría Paz, tanto sábado como o domingo ás 12.00 horas terá lugar a actividade Libros do trinque, un encontro con autores e autoras no que se estreará a lectura de libros publicados hai só uns días. Neste caso serán Xabier Quiroga e Lorena Conde quen leven a lectura de O baile dos estorniños e As puntas da louza. A conversa será en grupo reducido (máximo 10 persoas) e require inscrición previa en librariapaz@gmail.com.