A navalla proclámase vencedora da I Batalla das Cunchas grazas a unha receita do chef Sergio Roma

204
  • O ‘dream team’ da Banda Cociñas de Pontevedra exhibe o seu talento ante o chef Carlos Maldonado e os padais máis esixentes na Batalla das Cunchas
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, presenta o acto de clausura da I Festa das Cunchas, no que 9 cociñeiros batéronse en duelo na Alameda elaborando tapas con diferentes mariscos
  • O xurado da competición estivo composto por padais tan esixentes como os profesores do CIFP Carlos Oroza Manuel Hermo e Ricardo Fernández ou o chef Estrella Michelin Iñaki Bretal

Un espectacular escenario con dúas cociñas montadas en plena Alameda, nove cociñeiros pertencentes ao noso ‘dream team’ da Banda Cociñas de Pontevedra, oito mariscos de cuncha de máxima calidade, dez minutos de tempo para elaborar con eles as tapas máis deliciosas, un xurado composto por nove dos padais máis esixentes de Galicia e o ‘masterchef’ Estrella Michelin Carlos Maldonado. Eses foron os ingredientes da saborosa receita proposta pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para pechar esta tarde cun broche (ou loureiro) de ouro a I edición da Festa das Cunchas: unha competición de cociña en directo rebosante de talento denominada Batalla das Cunchas e na que cada participante defendeu a un dos mariscos homenaxeados nesta festividade gastronómica (mexillón, vieira, zamburiña, ameixa, ostrón, berberecho, navalla e escupiña).

O concurso de tapas, que foi presentado polo tenente de alcalde, Tino Fernández, converteu en ‘rivais’ neste desafío a nove dos 12 cociñeiros de elite que conforman a Banda Cociñas de Pontevedra e aos que, por sorteo, lles tocou un marisco: Marta Santiago, de A Fervella, co mexillón; Adrián Redondo, do Alcrique, coa vieira; Pablo Romero, de Bagos, coa ameixa; Carlos Barreira, de Bocarte, coa zamburiña; Rubén González Vallejo, de El Cafetín, co ostrón; Marta García, de Meigas Fóra, co berberecho; Sergio Roma, de O Souto, coa navalla, e Toño Mora e Andrés Muñoz, do Padal da Santiña, coa escupiña. Os seus compañeiros da Banda Carmen Canabal, chef de Causa Street Food; Vicente Tortajada, chef de La Culpa de la Gula; Marcos Romero, chef de Mar de Fóra, e Iñaki Bretal, chef de O Eirado da Leña e primeiro Estrella Michelin de Pontevedra, foron membros dun esixentisimo xurado presidido por Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza, e do que tamén formaron parte Jorge Soto, vicerreitor do Campus Universitario; Ricardo Fernández, profesor do Carlos Oroza; Daniel Donato, profesor da Escola Taller da Lanzada, e Marga Pazos, responsable da consultora gastronómica Carta Blanca, organizadora do evento e da Festa das Cunchas.

Tino Fernández encargouse de realizar a benvida institucional a tódolos participantes nun concurso “que aspiramos a converter en referente dentro da Festa das Cunchas, no que o mellor das nosas cociñas vai ‘pelexar’, no bo sentido, defendendo un marisco, que combina elementos tan atractivos como diversión, gastronomía e festa, e que supón unha oportunidade única para a unión e complicidade das cociñas da cidade”. Segundo salientou o edil do PSOE, “o máis novidoso deste certame é que non gaña un cociñeiro, senón que o gañador é o marisco” e, deste xeito, “quitámoslle ferro á competición e abrimos a porta á camaradería e a que os propios chefs desfruten do evento”. 

En opinión do tenente de alcalde, “a cidade de Pontevedra ten tódolos ingredientes para converterse en referente da gastronomía nacional e internacional e a marca Pontevedra Capital Gastro é a nosa receita, e temos que cociñala entre todos e todas”. Tal e como afirmou, “toda a cidade está convidada á mesa, a poñer en valor o noso, aos nosos produtores, e tamén a aqueles que venden, distribúen e manipulan eses excelentes produtos que temos”.

Un gañador de Masterchef que acadou unha Estrella Michelin

Tras convidar aos presentes a desfrutar do sensacional vídeo promocional da Pontevedra Capital Gastro, realizado por Abel Bonilla, Fernández rematou a súa intervención dando paso “a un convidado moi especial, que chega de Talavera de la Reina”. “Non podiamos ter mellor ‘padriño’ para esta primeira edición da Batalla das Cunchas que Carlos Maldonado, gañador de Masterchef 3, propietario do exclusivo restaurante Raíces e único Estrella Michelin saído do programa de TVE”, asegurou o tenente de alcalde sobre o célebre mestre de cerimonias.

O ‘masterchef’ deulle a benvida á I Batalla das Cunchas e presentou o vídeo promocional (tamén realizado por Abel Bonilla) da Festa das Cunchas, ás parellas cociñeiro-marisco e aos membros do xurado. Os chefs competidores cociñaron de dous en dous e cada parella tivo dez minutos para rematar a tapa e montala para degustación do xurado. Os primeiros en cociñar foron Marta Santiago (mexillón) e Adrián Redondo (vieira), seguidos de Pablo Romero (ameixa) e Carlos Barreira (zamburiña), Sergio Roma (navalla) e Marta García (berberecho) e, finalmente, Rubén González Vallejo (ostrón) e Toño Mora e Andrés Muñoz (escupiña).

Carlos Maldonado seguiu con atención cada unha das elaboracións, falando con cada un dos cociñeiros sobre os seus establecementos, os mariscos que lles tocaron e as súas cualidades e pedíndolles que explicaran as receitas das tapas. Catro axudantes encargáronse de asistir aos cociñeiros (dous por chef), axudándolles a montar, desmontar, limpar e levar as tapas ao xurado, que foi degustando as tapas con calma e de xeito espaciado. O evento, patrocinado por Estrella Galicia, estivo amenizado en todo momento por unhas personaxes caracterizadas de cada un dos mariscos, que achegaron unha nota de desenfado e humor á Batalla das Cunchas.

Os nomes dos pratos cociñados foron os seguintes:

Marta Santiago, de A Fervella: Mexillóns con salsa de guacamole

Adrián Redondo, do Alcrique: Vieira á galega 2.0

Pablo Romero, de Bagos: Ameixa rabiosa

Carlos Barreira, de Bocarte: Zamburiña ao perfume do pemento de Padrón

Rubén González Vallejo, de El Cafetín: ¡Vaia ostrón!

Marta García, de Meigas Fóra: Arroz con berberechos e pementos de Herbón

Sergio Roma, de O Souto: ‘O galo que comeu a navalla’

Toño Mora e Andrés Muñoz, do Padal da Santiña: Escupiñaso

Rematada a fase de degustación, os membros do xurado reuníronse para deliberar, mentres que Carlos Abilleira, de La Buena Vida, campión de España de Coctelería Acrobática, protagonizou un show de acrobacias durante o que elaborou tres cócteles. O presidente do xurado, Manuel Hermo, fixo finalmente entrega do sobre co nome do gañador a Carlos Maldonado, quen anunciou o marisco vencedor en base aos criterios de valoración do sabor (do 0 ao 10), a presentación (do 0 ao 5) e a creatividade (do 0 ao 5), e coroouno ao estilo dos emperadores romanos, cunha coroa de loureiro: navalla, grazas a una receita elaborada por Sergio Roma, de O Souto, denominada ‘O galo que comeu a navalla’, foi o marisco vencedor desta I Batalla das Cunchas.

Tino Fernández subliñou que esta Batalla das Cunchas “é un xeito inmellorable de pechar o exitoso primeiro evento gastronómico organizado baixo o paraugas do proxecto gastronómico Pontevedra Capital Gastro, co que a nosa cidade aspira a converterse en referente da cociña a nivel internacional”. “A esta I Festa das Cunchas seguirán agora outros certames gastronómicos como o Avoa Fest e os encontros ‘Mestizaxes, cociñas de ida e volta’ e outras iniciativas como un congreso e unha aceleradora/incubadora para proxectos hostaleiros e gastronómicos”, avanzou o concelleiro socialista.