Profesorado dos 15 centros educativos de Galicia pertencentes á rede de Escolas Asociadas da Unesco (Rede PEA) participa hoxe no Pazo da Cultura nun encontro que ten como obxectivo esencial compartir experiencias educativas e programar novos proxectos nos ámbitos da Educación para o Desenvolvemento Sustentable e a Educación para a Cidadanía Mundial. O evento, que busca reforzar a rede ao rematar o curso avaliando os proxectos realizados, consensuando novas propostas comúns e mellorando as iniciativas, serve de colofón ás accións programadas polas Escolas Galegas para conmemorar, como cada ano, o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, dedicado en 2021 á Restauración dos Ecosistemas (xornada marco para o lanzamento do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas) e que as escolas celebraron nos seus respectivos centros.
O acto inaugural do encontro estivo presidido polas profesoras coordinadoras de Escolas Asociadas da Unesco Susi Enguídanos e Luisa Márquez e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, quen pediu aos docentes que sigan “adiante” ante “as dificultades e momentos nos que a un lle apetecería deixalo todo”, xa que “o futuro e a meta son tan importantes que a pouco que poidamos facer, debemos facelo”. “É unha obriga que temos -subliñou o socialista- coas xeracións que veñen detrás de nós e vós, que facedes que ese marasmo no que ás veces vivimos se vaia reducindo, sodes heroes e heroínas. Agradézovos o voso esforzo desde o máis fondo do meu corazón”.
Como exemplo das accións de carácter medioambiental desenvolvidas no marco do programa Desplastifícate, Susi Enguídanos e Luisa Márquez exhibiron unhas carpetas elaboradas polos alumnos do colexio Eduardo Pondal de Cangas reciclando tódolos elementos das mascarillas de protección contra a Covid-19 (mesmo empregando as gomas e os arames adaptadores das FFP2 como elementos de suxeición). Decenas de máscaras, previamente desinfectadas con calor, foron utilizadas para cada unha das carpetas deste proxecto, que tamén incluíu a creación de xardíns verticais reutilizando as máscaras anti Covid.
O Plan de Escolas Asociadas da Unesco é unha rede mundial que conta con máis de 11.500 centros educativos en 182 países e na que están integradas 15 escolas galegas (colexios, institutos, conservatorios e unha facultade), 8 delas pontevedresas, que teñen o compromiso de favorecer boas prácticas educativas e de integrar nas súas programacións a Educación para o Desenvolvemento Sustentable. O seu alumnado e profesorado está comprometido coa sostibilidade, traballando en proxectos neste eido durante varios cursos escolares e desenvolvendo prácticas diarias que parten da reflexión para chegar ao coñecemento que deriva na concienciación sobre o coidado do planeta.
Tódalas accións impulsadas polas Escolas Asociadas da Unesco teñen unha base teórica na Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), polo que o alumnado coñece cada un dos dezasete obxectivos e sabe asocialos tanto á súa práctica educativa como á súa vida. Ademais, colaboran en programas medioambientais do Concello de Pontevedra e outros proxectos como Residuos Cero, merendas saudables ou Trash Hack, da Unesco, entre outros.
A finalidade destes proxectos sociais e de aprendizaxe é a formación dunha cidadanía responsable que desenvolva un estilo de vida que favoreza o benestar das persoas e, por suposto, a conservación do medio ambiente. Os 15 centros que forman parte da rede na nosa cidade e que merecen unha consideración pola súa implicación en temas medioambientais son os pontevedreses CEIP Manuel Vidal Portela, Cabanas (Salcedo) e Plurilingüe San Benito de Lérez; CEP Campolongo e Marcos da Portela; IES Luis Seoane; Conservatorio de Música Manuel Quiroga e Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e mailos CEIP Isidora Riestra de Poio, CPI O Toural de Vilaboa, CPR Eduardo Pondal de Cangas, IES Pazo da Mercé de As Neves, IES Pedra da Auga de Ponteareas, Conservatorio Municipal Víctor Ureña de Redondela e CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo (A Coruña).
Agradécese a cobertura e difusión desta información.
Entre as iniciativas promovidas polas Escolas Asociadas da Unesco inclúese o Proxecto Desplastifícate, xurdido no marco do XXXI Encontro do Profesorado celebrado en Benidorm en xullo de 2018, dentro do grupo de Desenvolvemento Sustentable, e iniciado no curso escolar 2018/2019 co gallo da celebración do Día do Docente (5 de outubro). A proposta, baseada na Axenda 2030 e os ODS, contemplou diversas accións encamiñadas a eliminar botellas e envases de plástico (empregando unha botella reutilizable na escola tódolos días e bolsas de teas para as merendas), a eliminación total de residuos no recreo, o impulso da compostaxe e a creación de hortas escolares.
O Proxecto Desplastifícate púxose en marcha coa creación dun kit que percorreu as escolas cunha mascota chamada Plastiquín (realizada polo alumnado do CEIP Magranet de Tavernes, Valencia) e acompañado dunha carta na que se convida ao alumnado á preservación do medio ambiente con accións que contribúan á redución dos plásticos. O éxito foi tan grande que tiveron que crear unha segunda mascota, desta vez unha Plastiquina (deseñada polo alumnado de Infantil da Escola Montessori de Tenerife) e, coa finalidade de que o kit circulase máis rápido, mesmo fixeron unha terceira (obra dos alumnos de Educación Especial do colexio Gloria Fuertes de Andorra, municipio de Teruel).