A Semana do Patrimonio Invisible volve abrir as portas de cinco espazos singulares de Pontevedra

150
  • O depósito e cemiterio de San Amaro, o Arquivo Histórico provincial, os xardíns de Lourizán, Villa Pilar e o colexio Sagrado Corazón serán visitables en grupos de 15 persoas
  • As visitas terán lugar entre o 15 e o 17 de xullo e é preciso inscribirse na web  www.patrimonioinvisible.gal 
  • O prazo de inscrición ábrese o sábado 10 de xullo ás 11h

A Concellaría de Patrimonio Histórico, que xesitona Xaquín Moreda, volve ofertar a posibilidade de coñecer cinco espazos singulares de Pontevedra, que habitualmente non están abertos ao público, a través da II Semana do Patrimonio Invisible. Nesta ocasión inclúense tres espazos novos: o Arquivo Histórico provincial, o depósito e cemiterio de San Amaro, e os xardíns de Lourizán; e repiten Villa Pilar e o colexio Sagrado Corazón de Praceres. As visitas serán en grupos reducidos (entre 12 e 15 persoas dependendo do espazo) e será imprescindible inscribirse en www.patrimonioinvisible.gal. O prazo de inscrición ábrese este sábado, 10 de xullo, ás 11h.

Na presentación desta segunda edición do programa, Xaquín Moreda lembrou que estas visitas guiadas se fundamentan na filosofía de “poñer en valor o patrimonio dándoo a coñecer á veciñanza”, co obxecto de fornecer aos participantes nas visitas “dunha experiencia cultural única”. Moreda asegurou que se trata de abrir ao público “as portas de edificios e espazos que normalmente non están accesibles” a través dun “discurso narrativo de calidade” e poñendo o foco “na protección dos ben culturais que visitamos”.

As visitas terán unha duración dunha hora cada unha e serán guiadas por persoal especializado que dará a coñecer estes espazos con rigor histórico, abordando cuestións relacionadas coa arquitectura e a súa historia particular,  como o tipo de construción ao que responden ou mesmo as familias que os habitaron en diferentes épocas.

Os espazos

Arquivo Histórico provincial. Edificio construído en 1910 polos Fonseca, familia vinculada con grupos masónicos e teosóficos da cidade. Precisamente as historias relacionadas coa masonería na cidade serán desveladas ao longo da visita. O edificio foi adquirido en 1955 polo Ministerio de Educación Nacional e adaptado para funcionar como arquivo e biblioteca formando parte, desde 1989, do Sistema de Arquivos Galego, cuns fondos históricos que abarcan desde o século XV ata a actualidade.

Depósito e cemiterio de San Amaro. Esta visita inclúe o cemiterio, que xa formara parte do progama na edición do ano pasado, e o depósito de augas. O depósito é un edificio histórico proxectado por Alejandro Rodríguez Sesmeros no ano 1886 no contexto da expansión da cidade durante finais do século XIX. A día de hoxe sigue en funcionamento e é o depósito máis antigo dos 8 cos que conta a rede de abastecemento de auga de Pontevedra.

Xardíns de Lourizán. Ocupan unha superficie de 52 hectáreas e conteñen especies dos cinco continentes plantadas ao longo de máis de 130 anos. Conta cun monumental invernadoiro de ferro e cristal, fontes, escaleiras, estanques, pombal e especies como o cedro do Líbano, castiñeiros xaponeses, o olmo holandés e conxuntos de magnolias e camelias.

Villa Pilar. Palacete de arquitectura ecléctica construído polo indiano Manuel Martínez Bautista a comezos do século XX, na que destaca unha escalinata única en mármore de Carrara, e un dos primeiros balcóns realizados en formigón e balaustrada de estilo inglés.

Colexio Sagrado Corazón de Praceres. Construído por Montero Ríos e destinado inicialmente a pavillón de convidados, pasou despois a converterse no Gan Hotel de Baños de Mar de Praceres e finalmente a centro educativo. Destaca pola súa impoñente arquitectura e garda memoria da importancia de Lourizán como centro político e turístico de Galiza a finais do XIX e comezos do XX.

Programa de visitas

Xoves 15

  • 11h. Colexio Sagrado Corazón de Praceres
  • 12h. Arquivo Histórico Provincial
  • 18h. Depósito e cemiterio de San Amaro
  • 19h. Xardíns de Lourizán
  • 20h. Villa Pilar

Venres 16

  • 11h. Depósito e cemiterio de San Amaro
  • 12h. Colexio Sagrado Corazón de Praceres
  • 18h. Arquivo Histórico Provincial
  • 19h. Xardíns de Lourizán
  • 20h. Villa Pilar

Sábado 17

  • 11h. Arquivo Histórico Provincial
  • 12h. Villa Pilar
  • 18h. Xardíns de Lourizán
  • 19h. Depósito e cemiterio de San Amaro
  • 20h. Colexio Sagrado Corazón de Praceres