Promoción Económica abre as portas do mercado laboral a 65 persoas nos eidos do manexo de carretillas e da limpeza de hoteis e hospitais

16
  • A concelleira socialista Yoya Blanco entrega os diplomas acreditativos ao alumnado que completou os cursos impulsados en colaboración co centro Ara Formación
  • O coordinador das actividades formativas, Paco Rial, constata que sete dos alumnos participantes xa atoparon traballo. “En limpeza de aloxamentos turísticos poden telo tod@s”, asegura

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu esta mañá o acto de entrega de diplomas aos alumnos participantes nos cursos de Limpeza de Aloxamentos Turísticos (Camareiro/a de Pisos) e Limpeza Hospitalaria e na segunda edición do de Operador/a de Carretillas Elevadoras organizados nos últimos meses en colaboración con Ara Formación. Segundo sinalou a edil socialista, que estivo acompañada polo responsable do centro e coordinador dos cursos, Paco Rial, “este conxunto de accións formativas fixéronse co obxectivo de mellorar as posibilidades de inserción laboral dunhas 65 persoas en eidos cunha elevada demanda”.

En concreto, veñen de rematar o curso de carretilleiro 18 alumnos (que cos 14 da primeira edición suman 32), o de Limpeza Hospitalaria 16 alumnos e o de Limpeza de Aloxamentos Turísticos 17, e as perspectivas semellan moi optimistas: sete das persoas que completaron os relativos a limpeza (seis delas mulleres) xa están traballando e Paco Rial asegura que “sen dúbida haberá máis que se incorporen ao mercado laboral, xa que no eido dos aloxamentos teñen traballo tódolos que queiran (moitos non poden desprazarse, se non xa estarían traballando). Neste mesmo sentido, Yoya Blanco lembrou que “a demanda de formación nestes ámbitos é tan elevada que, tralo éxito do primeiro curso de Operador/a de Carretillas Elevadoras, a Concellería de Promoción Económica e Ara Formación decidiron poñer en marcha unha nova actividade formativa que tamén cubriu as prazas enseguida”.

Nestes dous cursos, impartidos (como os outros) totalmente de balde e que tivo unha duración de 24 horas, os alumnos participantes recibiron formación teórica en aspectos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de producirse situacións de risco, retención do operador… No que atinxe á parte práctica, os beneficiarios tiveron ocasión de reproducir manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en ramplas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (contidos axustados aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).

50 horas teóricas e 40 de prácticas en empresa

Entre as competencias adquiridas no curso de Limpeza en Aloxamentos Turísticos – Camareiro/a de Pisos, de carácter presencial e cunha duración de 90 horas (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa), incluíronse as técnicas básicas de limpeza; as normas de seguridade, hixiene e saúde; a limpeza de mobiliario interior; o arranxo de habitacións e zonas comúns de aloxamentos; o aprovisionamento e organización do office; a organización dos produtos no carro; as operacións de desmontaxe e ventilación previas á limpeza; os protocolos de custodia e devolución dos obxectos esquecidos; a atención ao cliente na limpeza de pisos; o mantemento de habitacións e baños, e algunhas nocións básicas de trato ao cliente para hostalería en lingua inglesa.

No que se refire ao curso de Limpeza Hospitalaria, do que Yoya Blanco tamén ten previsto organizar unha nova edición, tamén constou de 90 horas de duración (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa) e abordou cuestións relativas á limpeza xeral; os sistemas de limpeza de mobiliario, servizos, paredes, habitacións, cristais…; os principais produtos químicos empregados e as medidas de seguridade e hixiene a ter en conta na súa manipulación; a limpeza das diferentes zonas dun hospital; a infección nosocomial (ou intrahospitalaria) e a súa prevención; os principios fundamentais da limpeza hospitalaria; a relación cos pacientes; os sistemas de desinfección hospitalaria; a recollida e eliminación dos residuos sanitarios; a lexislación sobre residuos sanitarios; o listado de enfermidades infecciosas, ou a prevención de riscos laborais na limpeza hospitalaria.

A concelleira de Promoción Económica salientou o feito de que “á hora de tramitar as inscricións nestes cursos se lle deu prioridade a persoas desempregadas empadroadas no concello de Pontevedra, permitíndolles incrementar notablemente a súa empregabilidade”.