As augas do Lérez volverán vibrar este sábado coa celebración do IV Trofeo Internacional Entre Pontes

71
  • A regata disputarase a partir das 10:00 horas entre o Peirao das Corvaceiras e a Ponte do Burgo e contará coa participación de 458 padexeir@s de toda Galicia pertencentes a 36 equipos
  • Ademais de acoller competicións en categorías Cadete, Xuvenil, Sénior e Máster, nesta edición incluiranse tamén, como principal novidade, as modalidades de Sup Race e Paracanoe

O piragüismo volverá ser protagonista da axenda deportiva pontevedresa este sábado 17 de xullo coa celebración do IV Trofeo Internacional Entre Pontes, organizado pola Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra (EPCP) e a Federación Galega de Piragüismo (FGP) co patrocinio da Concellería de Deportes e a Deputación Provincial. A regata reunirá en augas do Lérez, entre o Peirao das Corvaceiras e a Ponte do Burgo, a un total de 458 padexeir@s procedentes de toda a xeografía galega, que competirán en 368 embarcacións pertencentes a 36 equipos.

O evento foi presentado hoxe na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da EPCP, Óscar Ponte, e mailo responsable da súa sección de Dragon Boat, José María Pazos. Segundo sinalou Ponte, unha das principais novidades desta edición será que, ademais das categorías Cadete, Xuvenil, Sénior e Máster (en K1, K2, C1 e C2), “tamén haberá dúas modalidades novas que este ano se incluíron por primeira vez na competición, que son o Sup Race, con 12 participantes a nivel Sénior e algúns de Cadete e Xuvenil, e o Paracanoe, xa que esta proba, ademais de estar no calendario oficial da Federación Española de Piragüismo, tamén se atopa dentro Open Paracanoe”. 

“Este Open é unha iniciativa inclusiva da Federación que tenta fomentar a incorporación da categoría Paracanoe naqueles eventos que non son de velocidade/pista e axudar a difundir a práctica desta modalidade, que a día de hoxe aínda conta con poucos deportistas. Nesta regata haberá catro competidores de Paracanoe en categorías Cadete, Máster e Sénior, que participarán en K1”, apuntou o presidente da EPCP.

O tenente de alcalde comprometeuse coa Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra a facer todo o posible para optimizar as súas instalacións e aproveitou a ocasión para agradecerlle “non só a organización dunha regata como esta, senón especialmente o seu traballo cos rapaces que vemos inundando de cores verde e branco o noso río, algúns deles competindo ademais no máis alto dos niveis”. Tino Fernández indicou que o centro de ‘operacións’ do evento, así como punto de saída e meta, estará no Peirao das Corvaceiras, onde cada un dos clubs participantes terá a súa parcela asignada, non podendo saír da mesma ningún dos seus compoñentes salvo cando corresponda aos técnicos e padexeiros que vaian competir. 

Un percorrido de 8.000 metros

Tal e como explicou Óscar Ponte, “establecerase unha zona de control de acceso xestionada por voluntarios para que unicamente poidan acceder os deportistas e técnicos que vaian participar, o persoal da organización e os árbitros”. “O público non poderá acceder a esta área ‘blindada’ e poderá ver a regata desde o paseo fluvial ou a Ponte do Burgo. A saída e a meta estarán ubicadas a carón do pantalán do catamarán. As embarcacións dirixiranse cara a ponte do Burgo, onde estará situado o punto de ciaboga, no que deberán xirar en sentido horario para regresar, completando dúas voltas que suman 8.000 metros (catro quilómetros por cada volta). Na categoría Paracanoe só se completará unha volta a este circuíto”, afirmou o presidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra.

Haberá tres zonas de estacionamento habilitadas exclusivamente para os clubs no propio Peirao das Corvaceiras, na curva da avenida das Corvaceiras e no aparcadoiro de Casa Digna (a organización entregaralles unha autorización que deberá estar visible no salpicadoiro). O uso de mascarilla será obrigatorio até o momento exacto do embarque, o acceso aos vestiarios estará prohibido e unicamente se poderá acceder aos baños químicos que se colocarán fora da instalación (tamén haberá un baño químico para os familiares). A entrega de premios de cada categoría farase unha vez rematada cada unha das probas.

Os horarios das competicións serán os seguintes:

10:00 horas: Home Canoa Jún-Cad C2, C1 8.000 metros

10:00 horas: Muller Canoa Sup-Paracanoe C2, C1 8.000 metros (4.000 metros Paracanoe)

10:05 horas: Muller Kayak Cadete K2, K1

11:15 horas: Home Sénior Canoa C2, C1

11:15 horas: Home Veterán Canoa C2, C1

11:20 horas: Muller Kayak Sén-Vet-Jún K2, K1

12:15 horas: Home Kayak Cadete-Vet K2

12:20 horas: Home Kayak Cadete K1

12:25 horas: Home Kayak Veterán K1

13:15 horas: Home Kayak Sénior-Júnior K2 

13:20 horas: Home Kayaka Sénior-Júnior K1

Pódese obter máis información sobre este IV Trofeo Internacional Entre Pontes a través do enlace https://trofeoentrepontes.com/.