Tino Fernández participa na segunda xornada de marcha nórdica de A Vida é Movernos acompañado por membros da AECC
204
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, acompañou esta mañá a un grupo de mulleres da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra na segunda xornada de marcha nórdica organizada no marco do programa A Vida é Movernos, de fomento da actividade física ao aire libre. Antes de partir desde a facultade de Ciencias da Actividade Física e o Deporte, a comitiva recibiu da man do seu coordinador, Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias do Deporte e especialista universitario en marcha nórdica, información básica e algunhas nocións técnicas sobre este deporte de resistencia, consistente en camiñar coa axuda e pulo de bastóns semellantes aos empregados no esquí.
A actividade estase a desenvolver cun máximo de 30 participantes por xornada, divididos en dous grupos de non máis de 15 persoas, en horarios de 10:00 a 11:30 horas e de 11:45 a 13:15 horas. Tino Fernández confirmou que se trata “dun xeito moi entretido de facer exercicio físico ao tempo que se desfruta do medio ambiente” e animou a todos aqueles interesados a inscribirse de balde nas catro sesións que quedan programadas para este mes de xullo: os luns 19 e 26 e os venres 23 e 30.
Tal e como explicou Ricardo Angueira, ademais de producir unha perda calórica bastante máis intensa que unha andaina normal, ao demandar un movemento constante dos brazos, a marcha nórdica resulta moi beneficiosa para mellorar a posición corporal e reducir as dores de espalda arredor dun 30%, sendo incluso recomendable para aliviar os síntomas dalgunhas patoloxías como o párkinson.
Marcha Nórdica Galicia dispón dunha dirección de correo electrónico (info@marchanordicagalicia.com), un teléfono de contacto (629 031 905) e unha páxina web (www.marchanordicagalicia.com) para poder tramitar as inscricións e obter máis información sobre esta actividade, que inclúe seguro de accidentes e bastóns gratuítos para tódolos participantes e a aplicación dun rigoroso protocolo contra a Covid-19. Así, tanto na recepción dos grupos como durante o desenvolvemento das camiñadas garántense as distancias de seguridade de 1,5 metros (o feito de usar bastóns de marcha nórdica xa facilita o seu mantemento); facilítanse dispensadores de xel hidroalcohólico e, unha vez finalizada cada sesión, desinféctanse os bastóns con spray 70% de alcohol; hai mascarillas quirúrxicas de reposto en cada sesión para casos de necesidade por roturas ou desperfectos fortuítos, e respéctanse as medidas restritivas establecidas polas autoridades sanitarias.