O alcalde acompaña ao club de Tenis de Mesa Monte Porreiro na presentación de novidades da nova tempada

1

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou o esforzo do equipo por permanecer na máxima categoría española e, agora, ter tamén con presencia europea

Recepción ao tirador Juan Antonio Saavedra antes de partir cara Xapón.

O Tenis de Mesa Monte Porreiro fixo uso das instalacións municipais para presentar as novidades de cara a tempada que está por iniciar. O equipo local, cun crecemento ascendente en logros e fitos ao longo dos seus máis de vinte anos como entidade, confirmou durante a rolda de prensa algunhas das novas máis relevantes neste 2021.

Dunha banda, o Monte Porreiro sinalou e explicou o acordo de colaboración co centro de alto rendemento portugués Mirandela, acordo que favorecerá a posición do equipo local como nexo de unión entre a Federación Galega e o país luso. O convenio durará toda a tempada e permitirá a celebración de concentracións frecuentes. Na segunda semana de agosto o Monte Porreiro ten un covite para acudir ás instalacións durante sete días.

Tamén foron anunciados dúas fichaxes de relevancia para o primeiro equipo. O Monte Porreiro contará coa habilidade de Miguel Ángel Vílchez, xogador da selección española, e de Ilya Isakov, de nacionalidade rusa.

Por último, o equipo de tenis de mesa confirmou a súa presenza na ETTU (European Table Tennis Union), a competición europea máis forte deste intre.

O alcalde dedicou as súas palabras a sinalar o esforzo que está a facer o Monte Porreiro, sobre todo nestes tempos de crise sanitaria. “Ninguén podía pensar hai 22 anos que este equipo chegaría tan lonxe. Foi unha aposta polo deporte base e pola competición, un exemplo de constancia ata chegar a hoxe, con máis de 80 fichas”.

Miguel Anxo Fernández Lores tamén fixo fincapé no completo que é este deporte, e adiantou un proxecto de reforma futura das instalacións utilizadas polo clube, coa idea de ampliar a súa capacidade e poder acoller máis nenos e nenas.