A quinta edición da Mini BTT celebrarase esta fin de semana cunha aposta pola seguridade

156

A proba contará coa participación de entre 400 e 450 deportistas de todas as idades

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, fixo fincapé no cumprimento das medidas sanitarias e na responsabilidade individual e colectiva

O concelleiro de Deportes e tenente alcalde, Tino Fernández, participou este xoves na presentación da V Mini BTT, que se celebrará o 25 de xullo ás 10 horas na área da comunidade de montes de Salcedo.

O concelleiro estivo acompañado por J. Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, e por Francisco Lozana, monitor do clube Farto e responsable da sección BTT. O concelleiro destacou a importancia da continuidade na realización deste tipo de probas ciclistas, que gozan dunha enorme saúde na cidade, sexa entre deportistas e entre usuarios.

«Esta é unha proba significativa, tanto polo seu espectáculo como pola súa dificultade na organización», sinalou Fernández. «Invito, sempre desde a prudencia e o cumprimento das normas establecidas, a que a xente se achegue ao circuíto».

Muñiz puxo en valor o esforzo do Concello de Pontevedra á hora de seguir apostando pola realización destas probas deportivas, sinalando o espectacular desta en particular, grazas á zona que se ubica. «Debemos poñer en valor o deporte nesta situación tan complexa que vivimos. Non é un problema, todo o contrario, é unha solución».

A continuación tes o cartaz da proba, que contén unha ligazón de Maps ao punto concreto do circuito: