O Concello inicia o expediente de contratación para a reforma
 do Teatro Principal

48

As actuacións previstas permitirán o cambio de iluminación no lugar, a reforma e inclusión de novos aseos e melloras substanciais na accesibilidade coa inclusión dun ascensor

A Xunta de Goberno tamén aprobou a licencia para a instalación dunha nova residencia xeriátrica privada na cidade

Tal e como estaba previsto, a Xunta de Goberno local aprobou esta mañá a iniciación do expediente de contratación para a reforma do Teatro Principal co obxectivo de dotalo dunha serie de melloras relativas á accesibilidade, á mellora enerxética e a realización dun reforzo estrutural na área do escenario.

Este proxecto contará cun orzamento de 438.478,34 euros para dúas anualidades, dos cales 284.300 euros corresponden á anualidade 2021 e están contemplados na modificación de crédito. O prazo de execución das obras será de 3 meses.

Así, o primeiro lote de reformas, que serán preto de 190 mil euros, estará destinado a todas as reformas relacionadas coa accesibilidade do edificio. Dunha banda, serán reformados os aseos da planta baixa para adaptar o seu uso a persoas de toda condición, incluíndo persoas ostomizadas; doutra, será instalado un ascensor no vestíbulo principal que dea acceso a todo o edificio, desde a planta -1 (onde se sitúan as áreas reservadas a camerinos e persoal técnico) ata o 3º andar. Ademais, agora que a terceira planta conta cun uso público habitual, tamén se construirán uns aseos nesta.

Alén destas reformas, tamén se conta cunha actuación de reforzo estrutural, que se aplicará na parte superior de acceso, na zona de acceso técnico, que vén sufrindo o calor dos focos ao longo destes anos, o que ocasionou pequenas regañas e pequenos problemas estruturais que serán resoltos totalmente con esta reforma.

Ligado co escenario irá o segundo lote, de preto de 248 mil euros, e que mudará a iluminación do escenario. «Ao cambiar toda a iluminación serán melloradas varias cousas: primeiro, que eses problemas estruturais derivados da intensidade do calor xerada polos focos desapareza e, segundo, que o paso de focos incandescentes a LED supoñerá un aforro enerxético do 90 % respecto dos focos actuais», explicou a portavoz, Carme da Silva. Ademais, a nova instalación permitirá pasar dar un salto cara ao dixital, o que permitirá un control dos focos máis precisos para os técnicos, e unha melloría para as actuacións e para os artistas.

O Concello tamén acordou na Xunta de Goberno desta mañá a concesión da licencia para o acondicionamento e instalación dun edificio con destino a albergar persoas maiores na Parda.

E empresa solicitante é Atirual Inmobiliaria SL, e ten por obxectivo construír unha residencia privada para persoas maiores na rúa da pintora Maruxa Mallo, coa esquina de Diego Sarmiento de Acuña. Será un bloque con 132 habitacións, das cales 114 serán individuais e 18 dobres, o que achegará un total de 150 residentes, aproximadamente.

A superficie construída é de 9.877 metros cadrados e contará con cinco alturas, amais de 27 prazas de estacionamento para vehículos de catro rodas, e 2 prazas para vehículos de dúas rodas. En total, o orzamento alcanzará os 6,21 millóns de euros. 

«Mesmo sendo un proxecto de índole privada, sempre é importante incrementar este tipo de equipamentos na cidade», Sinalou da Silva. «Agardamos que se una á residencia pública que está pendente de construír por parte da Xunta de Galicia, na parcela que xa ten cedida polo Concello desde decembro do ano pasado».