Pontevedra marca na axenda os convites internacionais nos que amosar 
o seu modelo urbano e cultural

36

Entre setembro e novembro, a cidade contará con representación en até doce eventos distintos nos que expoñer o seu modelo urbano, social e cultural

Combinarase o modelo presencial co de videoconferencia, acudindo a cidades como Turín, Niza, París ou Granada

A Boa Vila segue a ser obxecto de estudo e interese internacional. As probas están sobre a mesa, e os convites a conferencias internacionais continúan a chegar. Nese sentido, o Concello de Pontevedra quixo comentar esta mañá as citas de carácter divulgativo arredor do modelo urbano que están por vir e se celebrar nas vindeiras semanas.

«As citas e os convites fan que cada vez sexa cada vez máis frecuente poder situar Pontevedra no mapa internacional, algo que contribúe a mellorar a imaxe e o posicionamento urbano da Concello», explicou a concelleira de Promoción Cidadá, Anabel Gulías. «Durante a pandemia recibimos unha chea de convites que fomos atendendo na medida do posíbel, case sempre de forma telemática, pero que agora, de novo, volverán as citas presenciais, volveremos viaxar porque así nolo requiren os organismos organizadores que nos invitan a participar nos seus foros e palestras».

Por diante queda unha axenda «frenética», en palabras da concelleira, e que lembra unha idea básica dentro deste tipo de citas, a idea de velas como oportunidades «impagables» desde o punto de vista publicitario. A axenda máis próxima, quedaría tal que así:

  • 07.09.21 – La Rochelle – Ville et Agglomération de La Rochelle. A mobilidade en Pontevedra (Videoconferencia)
  • 08.09.21 – Pamplona – Fundación Arquirectura e Sociedade. A cidade que queremos
  • 16.09.21 – Xenebra – Foro de Xenebra. Como volver encantar o centro da cidade de Xenebra / Pontevedra e o uso do espazo público
  • 22.09.21 – Turín – Fundación Fitzcarraldo de Turín. ArtLab 2021: O papel da cultura na construción das cidades sostenibles en tempos de pospandemia.
  • 29-30.09.21 – Málaga – Concello de Málaga. Encontro de Líderes Urbanos — Greencities & S-MOVING 2021
  • 30.09.21 – Niza – Le Tribune e a Metrópole de Niza-Costa Azul. Transition Forum para promover a mensaxe positiva a favor do desenvolvemento sostible. A Europa das rexións.
  • 08.11.21 – París – Debate Canal Arte. Pontevedra, a cidade sen coches
  • 09.11.21 – Granada – Deputación de Granada e mesa polo clima de Granada. I Congreso Internacional Acción Local fronte ao cambio climático
  • 11.11.21 Estremadura – Junta de Extremadura. Congreso de Boas prácticas de mobilidade
  • 18-19.11.21 – Albacete – Goberno de España. Diálogo sobre o futuro da mobilidade e o transporte
  • 22-27.11.21 – México – Embajada de España en México. Encontro Internacional sobre a Cultura accesible e inclusión (Videoconferencia)

Son un conxunto de citas variadas, na que se abordarán diferentes temáticos coa cidade de Pontevedra como fondo nas intervencións dos representantes do Concello. Ademais, propiciarán encontros con algunhas das mentes máis brillantes sobre o urbanismo e a arquitectura. Exemplo disto é a cita de Pamplona, cun prestixio notorio xa pola entidade organizadora, que xuntará a nomes como Patxi Mangado, José Ezquiaga, Anne Lacaton, Mohan Munasinghe (Premio Nobel da Paz, 2020), Saskia Sassen (Premio Príncipe de Asturias, 2021), Carlos Solchaga, Rafael Sánchez Valverde, Joan Clos, etcétera.

Gulías quixo destacar a interese noutras áreas de traballo da cidade, alén do modelo urbano, algo natural por mor do exitoso modelo integrador, como é a idea de falar directamente sobre a cultura da cidade e a súa xestión pública fóra das nosas fronteiras, como é no caso de Turín.

«Son citas nas que de seguro aprenderemos e aplicaremos novas actividades e cuestións para a cidade», finalizou a concelleira. «Pontevedra é capital en desenvolvemento urbano, isto non é un segredo, nin sorprende, pero si que desde hai tempo vimos notando que os retornos por esta política urbana son cada vez máis numerosos. Para lograr a referencialidade internacional que ofrecen todas estas citas internacionais non habería cartos nas arcas municipais que pagasen as campañas de promoción que supoñen. É o noso obxectivo seguir traballando nunha cidade diferente e alternativa, e salientar que moita xente que se achegan a visitarnos, cada vez máis, atopan algo nela, algo que non atopan noutros lugares do mundo, en ningunha, que é a capacidade de termos construído entre todos e todas o que hoxe é».